As pemes galegas interesadas en manter encontros bilaterais con outras empresas ou entidades no marco do Mobile World Congress poderán contar co soporte de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, que dinamiza a participación galega no evento na súa condición de membro da rede Galactea Plus, o nodo español da Enterprise Europe Network.
O Mobile World Congress, o maior evento do mundo no ámbito das comunicacións móbiles, terá lugar en Barcelona entre o 24 e o 27 de febreiro. Nel, máis de dous mil empresas e entidades procedentes de máis de douscentos países mostrarán as últimas innovacións en dispositivos móbiles, mentres se desenvolve un amplo programa de relatorios no que se darán a coñecer os retos e tendencias máis relevantes para o futuro do sector.
No seu papel de coorganizador do Brokerage Event que se celebra entre os días 25 e 27 de febreiro no marco da feira, Parque Tecnolóxico de Galicia ten acceso á listaxe de participantes e ofrece soporte ás pemes galegas para xestionar a procura de contactos adecuados, así como para concertar reunións con eles.
Os brokerage events son unha ferramenta especialmente interesante para as pemes, xa que lles permiten acceder a contactos habitualmente fóra do seu alcance. O soporte experto de entidades como Tecnópole proporciónalles a garantía dunha axenda de reunións adaptada á súa dispoñibilidade, a identificación de potenciais socios internacionais para proxectos en colaboración, o contacto con empresas líderes e decisores e o establecemento de relacións comerciais duradeiras máis aló das súas fronteiras.
- Home
- Actualidade
- (CANCELADO) Tecnópole presta soporte ás pemes galegas para concertar reunións bilaterais no Mobile World Congress
(CANCELADO) Tecnópole presta soporte ás pemes galegas para concertar reunións bilaterais no Mobile World Congress
- Xoves 23 Xaneiro 2020