O Parque Tecnolóxico de Galicia e Atresmedia teñen en marcha a plataforma de aprendizaxe online STEAMbites, especializada en ciencia e tecnoloxía e enfocada principalmente a nenos e adolescentes. No marco desta iniciativa, este verán vanse celebrar varios campamentos científicos e tecnolóxicos para os máis pequenos, dirixidos a rapaces a partir de 8 anos de idade.
Baixo o nome “Mundos robóticos”, este campamento ten programadas tres quendas, do 28 de xuño ao 2 de xullo, do 12 ao 16 de xullo e do 26 ao 30 de xullo; en horario de 10:00 a 13:30 horas. Os asistentes terán a oportunidade de iniciarse na robótica, descubrindo os segredos que ocultan os robots.
Pola súa parte, no campamento “Somos científicos” aprenderán a experimentar como os científicos, a través dun proxecto novo cada día. Terá lugar do 5 ao 9 de xullo e do 19 ao 23 de xullo, no mesmo horario.
Aos participantes faráselles chegar aos seus domicilios os kits necesarios para poder levar cabo os proxectos propostos en cada campamento. Mediante os diferentes experimentos, os nenos poderán aprender, crear e, sobre todo, gozar.
Unha vez completado o curso, cada alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Máis información: http://steambit.es
Fonte: Tecnópole