Apple, Google e Amazon lideran o ránking global como marcas máis valoradas por ser capaces de responder ás necesidades dos seus clientes coa creación de produtos innovadores.
As grandes empresas tecnolóxicas compiten cada ano por ser a marca máis valorada a nivel global baseando a súa estratexia nunha transformación atrevida que xere valor económico e posicionamento. Poucas son as que logran entrar no ránking, e son só aquelas que conseguen comprender os seus clientes, crear lealdade, mellorar as decisións de compra e, máis importante, ofrecer produtos ou servizos que revolucionen o sector.
Neste punto, ¿que marcas conseguiron posicionarse como as máis valiosas? E máis importante, ¿como o conseguiron? Apple, Google e Amazon convértense este ano nas marcas máis valoradas, segundo o informe anual ‘Best Global Brands’ desenvolvido por Interbrand.
“Hoxe vivimos nun mundo onde os consumidores teñen máis poder que nunca, curando as súas propias marcas persoais dun xeito que nunca vimos”, asegura o director executivo de Interbrand, Charles Trevail. E é que, o poder xa non o teñen as marcas, senón nós.
A interconectividade, a sobreinformación e o impacto publicitario masivo ao que estamos sometidos diariamente volveunos máis esixentes á hora de consumir produtos e/ou servizos, e as marcas decatáronse. Aquelas que souberon responder ás necesidades e expectativas cambiantes dos clientes foron as máis exitosas.
Apple e a súa capacidade de liderado
Apple volve ocupar a primeira posición por sexto ano consecutivo, aínda que non era de estrañar xa que o valor da súa marca creceu nun 16% ascendendo aos 214.000 millóns de dólares, tal e como sinala Interbrand. Ademais, tamén é necesario destacar que a compañía da mazá foi a primeira en lograr unha capitalización bolsista dun billón de dólares en agosto deste mesmo ano.
Non é a primeira vez que Apple lidera o ránking mundial. En 2017, segundo a Lista Forbes, posicionábase en primeiro lugar no estudo anual sobre as marcas máis valiosas. Apple sabe entender ben as necesidades dos seus clientes e demóstrao con cada novo produto, que serve como base comparativa para o resto de marcas.
Marcas en crecemento
Google, o xigante tecnolóxico, ocupa o segundo lugar do ránking, tamén por sexto ano consecutivo, cun crecemento do 10%; isto é, 155.000 millóns de dólares. Non podía faltar nos primeiros postos Amazon, a marca de máis rápido crecemento este ano, pola súa estratexia centrada no cliente e a reinvención en case todos os seus sectores. A compañía de Jeff Bezos creceu un 56% este ano, e é a terceira marca en lograr unha valoración de 100 mil millóns de dólares.
Dentro do Top 10 atopamos tamén a Microsoft, cun valor de 92.000 millóns de dólares, e a Samsung, con 59.000 millóns. Como non podía ser menos, Facebook tamén se atopa dentro do Top cun valor de 45.000 millóns, e segue posicionándose como unha marca líder a pesar dos últimos escándalos sobre a filtración de datos que levaron a Mark Zuckerberg a sentar no banco.
Unha das marcas que sorprendeu pola súa rápida consolidación e crecemento no ránking foi Netflix que, a pesar de quedar fóra do Top 10, é a segunda marca que mais creceu en 2018 despois do seu debut no top 100 de 2017. “A valente decisión de Netflix de investir en programación orixinal en 2017 outorgoulle 112 nominacións aos Emmy, máis que a calquera outra rede ou servizo de transmisión, e o seu valor no mercado de valores é maior que o de Disney”, aseguraron dende Interbrand.
Parece difícil desbancar a Apple do primeiro posto, ¿conseguirano o próximo ano?
(Fonte: Thinking Big)