Cada peme innovadora terá unha bonificación do 40% nas cotizacións sociais

O Goberno aprobou o establecemento de bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social do persoal investigador. Con esta medida as empresas que fan I+D+i poderán bonificarse o 40% das cotas por continxencias comúns.

O obxectivo do Ministerio de Economía e Competitividade é fomentar a creación de emprego de calidade, aumentar a actividade das pemes innovadoras e reorientar o peso da I+D+i cara ao sector privado. En consecuencia, esta actuación permitirá que se incremente o número de investigadores que traballan en empresas (na actualidade supón un terzo do total) e que España se achegue o obxectivo da UE, que establece que polo menos dous terzos do investimento total en I+D+i debe provir do sector privado. En España esta porcentaxe apenas alcanza o 50%.

Segundo os datos dispoñibles, prevese a creación de 500 postos de investigadores en empresas durante os próximos tres anos e unha bonificación media por traballador de 2138 euros. O custo para a Administración sería de 20 millóns de euros para as bonificacións de 2013 e 22 millóns para as de 2014.

As pequenas e medianas empresas que sexan recoñecidas co selo de Peme Innovadora pola Secretaría de Estado de I+D+i poderán contar con outra vantaxe, xa que esta bonificación será plenamente compatible coa dedución fiscal por actividades de I+D+i que recolle a normativa do imposto de Sociedades. Para o resto de empresas e entidades a bonificación será compatible co réxime de dedución sempre que non se aplique sobre o mesmo investigador.

O Ministerio de Economía e Competitividade pretende con esta e outras medidas, como o denominado ‘cheque fiscal’, un mellor tratamento fiscal ás empresas innovadoras que incremente e impulse a súa actividade.

(Fonte: Ministerio de Economía)