A aceleradora de startups BIND 4.0 abriu ata o 13 de setembro o prazo de inscrición para a cuarta edición do seu programa de desenvolvemento empresarial
O obxectivo deste programa é impulsar a transformación dixital da industria a través da colaboración entre compañías consolidadas e talentos emerxentes. Algunhas das empresas que se incorporaron este ano a BIND 4.0 son Coca Cola, Eroski ou Avia Ferrovial, entre outras.
As startups participantes poden optar a obter contratos con grandes empresas da industria, así como poderán asistir a un programa de formación e de mentorización impartido por recoñecidos profesionais a nivel mundial
En concreto, búscanse empresas emerxentes de calquera lugar do mundo con produtos e servizos que teñan aplicación en sectores como a industria, a enerxía, a saúde e a alimentación, sempre baseados en novas tecnoloxías.
A iniciativa, cuxa primeira edición tivo lugar en 2016, conta co apoio da axencia de desenvolvemento empresarial do Goberno Vasco, para desenvolver os seus proxectos da man de 52 organizacións. Actualmente, BIND 4.0 logrou triplicar as súas cifras de participación.
Outra das novidades desta cuarta edición é a creación dun Venture Club, un club de investidores aliñado coa especialización desta aceleradora da industria da innovación. Deste modo, garántese aos proxectos participantes unha maior posibilidade de acceder a oportunidades de financiamento.
Para realizar a inscrición, as empresas interesadas poderán acceder á web do programa e demostrar que o seu produto está xa no mercado ou se atopa na súa última fase de desenvolvemento.
(Fonte: Cinco Días)