A Comisión Europea propúxose aumentar a produción de tecnoloxías limpas na Unión Europea até cubrir o 40% do seu consumo anual con fabricación propia para 2030, nun intento de competir cos subsidios masivos que Estados Unidos, China e outras potencias prevén inxectar nun sector en auxe.
A Lei de Industrias de Emisións Cero é parte dunha batería de medidas coas que Bruxelas busca mellorar a competitividade da industria europea acelerando a produción local, diversificando as subministracións de materias primas críticas ou abaratando a enerxía para evitar que as empresas se trasladen a rexións con máis incentivos.
É, ademais, a reposta aos 340.000 millóns de euros en subvencións verdes aprobadas por Estados Unidos dentro da súa lei anti inflación para un sector cuxo valor se triplicará até os 600.000 millóns de euros ao final da década e no que China e Xapón prevén tamén investir 260.000 e 140.000 millóns de euros, respectivamente.
En concreto, a norma centrarase en aumentar a produción de oito tecnoloxías estratéxicas para a transición cara a unha economía descarbonizada: as tecnoloxías solares e fotovoltaicas, a enerxía eólica, as baterías, as bombas de calor e enerxía xeotérmica, electrolizadores e placas de combustible, biogás e biometano, tecnoloxías de rede e a captura e almacenamento de carbono. Na práctica, a lei quere reducir as cargas administrativas simplificando a concesión de permisos, limitando os prazos para aprobalos entre nove e doce meses como máximo en función do tamaño e capacidade do proxecto.
Fonte: La Voz de Galicia