O mandatario galego defendeu a experiencia en proxectos aeroespaciais da Universidade de Vigo, garantindo o apoio do executivo galego a calquera iniciativa deste tipo na que a institución universitaria poida participar en colaboración con socios brasileiros. Ademais, resaltou a proxección da Zona Franca de Vigo nesta área, así como o papel dos centros tecnolóxicos galegos.
Nuñez Feijóo afirmou que unha das prioridades industriais de Galicia reside na consolidación dunha industria aeronáutica e aeroespacial, apoiándose sobre os coñecementos das industrias do metal e a automoción. Neste sentido, recordou que a actividade aeroespacial se atopa entre os principais obxectivos recollidos na Estratexia de Especialización Intelixente da Xunta de Galicia RIS3, folla de ruta da innovación galega ata o ano 2020.
No encontro tamén participaron o director de Satélites, Aplicacións e Desenvolvemento da Agência Espacial Brasileña, Carlos Alberto Gurgel; o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; e representantes da Universidade de Vigo, entre outros.
(Fonte: Innovamás)