Brainables, o futuro xa está aquí

Cando aínda nos estamos a afacer aos dispositivos ponibles, os chamados ‘wearables’, xa están en camiño os ‘brainables’. O seu nome en inglés, formado coa palabra ‘brain’ (cerebro), dános unha pista, pero ¿que é un ‘brainable’?

O mercado dos ‘wearables’ creceu un 171,6 % en 2015 respecto ao ano anterior, segundo o último informe da firma de análise International Data Corporation (IDC). Un crecemento que se viu impulsado, sobre todo, polas vendas do Apple Watch e das pulseiras fitness. Cada vez son máis as persoas que deciden levar enriba dispositivos intelixentes que controlen os nosos movementos diarios (actividades deportivas, hábitos alimenticios, datos sobre saúde).

Se a iso lle sumamos os semi ‘wearables’, como poden ser a GoPro (cámara de acción) e o Hexo+ (dron de fotografía) ou os produtos de realidade virtual como as Oculus Rift, estudos como o de IDTechEx prevén que o mercado total da electrónica portátil alcance a asombrosa cifra dos 70.000 millóns de dólares en 2025.

Non obstante, a primeira xeración de ‘wearables’ teñen unha limitación: poden monitorizar, pero non poden interferir co corpo, é dicir, son pasivos. O reto dos dispositivos ponibles de segunda xeración é medir e manipular de forma activa o noso corpo.

Estimulación eléctrica e saúde

O que envolve o concepto ‘brainable’ supón poder aplicar ao cerebro electricidade de baixa intensidade ou magnetismo de alta intensidade para, así, activar e desactivar certas áreas deste.

Dende o Instituto de Neurocreatividade de Copenhague, que se atopa desenvolvendo un destes dispositivos, explican que, malia que a idea poida soar futurista, é bastante sinxela: mediante o uso da estimulación externa pódense dar masaxes ou modular a actividade normal no cerebro. Con iso pódense conseguir beneficios incalculables para a saúde do ser humano.

Un dos produtos máis populares dentro do sector e actualmente no mercado é Thync, un ‘brainable’ capaz de forzar ao cerebro a poñerse en modo de concentración ou de relaxación. Este dispositivo transmite un sinal a aqueles nervios da cabeza e o colo que tamén responden ante unha masaxe ou un bico para así actuar no sistema de adrenalina do cerebro. Deste modo, Thync estimula estes nervios con impulsos eléctricos de baixa intensidade, activando o estado natural de enerxía ou calma do corpo.

Outro ‘brainable’ é foc.us, que ofrece aos usuarios dende un sono lúcido ata a mellora do rendemento físico durante unha práctica deportiva. Dende a compañía aseguran que os ciclistas profesionais son capaces de aumentar a súa resistencia un catro por cento. Foc.us inclúe un reloxo para controlar o tempo de estimulación, que non debe superar os 40 minutos, e tamén alerta o usuario en caso de que intente realizar unha sesión cando non pasou suficiente tempo tras a última.

E un terceiro exemplo é Fisher Wallace Stimulator, cuxo obxectivo é tratar a depresión e a ansiedade. Durante cada sesión de tratamento de 20 minutos (unha vez ou dúas veces ao día), o dispositivo estimula o cerebro para producir serotonina e outros neurotransmisores necesarios para lograr un estado de ánimo saudable, sen causar os efectos secundarios da medicación. Os seus creadores explican que este ‘brainable’ é capaz de producir serotonina naturalmente, ao tempo que mellora a capacidade do cerebro para regular o sistema límbico. Os pacientes poden utilizar o dispositivo con ou sen medicación, pero non deben reducir a súa medicación actual sen consultar primeiro ao seu médico.

A investigación científica sobre os efectos secundarios dos actuais produtos dispoñibles é limitada e parcial, pero existe un crecente campo de traballo académico que está a estudar o potencial das distintas tecnoloxías de estimulación cerebral.

A conclusión que se alcanzou ata o momento é que, se ben non hai dúbida de que se poderá manipular sen perigo a función do cerebro mediante o uso de dispositivos externos, segue sendo un reto lograr conter os posibles efectos secundarios deste tipo de tecnoloxía. Non obstante, se se consegue controlar os efectos da estimulación, o seu potencial pode ser infinito.

(Fonte: EP)