Boeing creará un dron capaz de cargarse mentres voa

O universo dron segue evolucionando. A compañía Boeing, a maior fabricante de avións comerciais do mundo, rexistrou unha patente coa que intenta solucionar un dos maiores problemas que ata a data presentan estas aeronaves teledirixidas: a súa autonomía de voo.

Segundo recollen o blog especializado en tecnoloxía The Next Web e a web sobre patentes PatentYogi, o deseño, rexistrado polos enxeñeiros James Childress e John Viniotis, permitiría que os drons que o incorporen sexan capaces de recargar a súa batería en pleno voo, sen necesidade de aterrar.

Os drons que os incorporasen contarían cunha especie de áncora, capaz de conectarse a estacións de carga terrestres, que poderán situarse en distintos lugares en función das necesidades dos seus responsables.

Por exemplo, un restaurante que sirva pedidos de comida a domicilio podería contar coa súa propia estación de carga para asegurar a autonomía dos drons sen necesidade de que estes descendan a terra. Outras posibilidades é situar estes puntos de carga en vehículos que se despracen pola superficie terrestre, en barcos que naveguen polo mar, en globos elevados sobre a terra e, mesmo, noutras aeronaves cuxa ruta poida coincidir coa dos drons.

(Fonte: ticbeat)