Boeing afianza o seu compromiso coa Aula Newton Galicia

A Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, leva un ano e medio de exitosa actividade no Parque Tecnolóxico de Galicia. Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover -de xeito gratuíto- as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional aeroespacial Boeing, a organización norueguesa sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

A Aula celebrou dúas xornadas de portas abertas, ás que asistiron responsables das diferentes entidades promotoras desta iniciativa, entre eles o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio de Boeing Research & Technology Europe, Eduardo Carrillo de Albornoz-Braojos; Alysia Tofflemire, Directora Executiva de FIRST Scandinavia; e o director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo.

Desde a súa apertura en outubro de 2021, a Aula Newton acolleu 93 centros de educación Secundaria procedentes de todas as provincias galegas, cun total de 2538 estudantes. No ano escolar 2021-2022, 30 centros e 907 estudantes desfrutaron desta experiencia innovadora, e en 2022-2023 acolleu 63 centros e 1631 estudantes. Debido ao éxito desta experiencia educativa en Galicia, Tecnópole adquiriu recentemente un cuarto simulador de voo profesional, co fin de poder ampliar a oferta a máis rapaces e rapazas.

“Desde o establecemento da Aula Newton Galicia, hai só ano e medio, demos pasos importantísimos” -destacou Eduardo Carrillo-. “Grazas á sólida relación de cooperación co goberno autonómico de Galicia e debido á forte demanda de escolas e profesores, afianzamos o noso compromiso con Galicia e cos nosos socios locais deixando un testemuño máis da nosa firme vontade de beneficiar a España e as súas comunidades” -manifestou o directivo de Boeing-.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, incidiu en que “é fundamental promover as vocacións científico-tecnolóxicas desde a mocidade e, neste sentido, o Polo Aeroespacial de Galicia ten unha ampla oferta de actividades, entre a que se atopa esta Aula Newton, para impulsar o talento, que presta especial atención ás mozas”.

“A Aula Newton foi un grande éxito, non só pola cantidade de participantes e a velocidade con que se esgotan as sesións para os seguintes seis meses, en tan só 24 horas. Cómpre resaltar que case a metade dos participantes son mulleres e, en xeral, ao rematar cada xornada, unha importante porcentaxe de alumnos valora no futuro seguir carreiras STEM. Ademais, desde Tecnópole personalizamos a experiencia para que a misión de voo sexa na nosa comunidade, contando co apoio do Centro Integrado de Emerxencias 112 Galicia” -comentou Javier Taibo, director de Tecnópole-.

Pola súa parte, Alysia Tofflemire, Directora Executiva de FIRST Scandinavia, puntualizou que “ver a Aula Newton en marcha é moi gratificante para min e para o meu equipo. Estamos moi orgullosos do traballo conxunto con Tecnópole, Boeing e as autoridades locais e conmóvenos ver a importancia que se lle dá ás educacións STEM en Galicia para as futuras xeracións de innovadores e líderes. Estou desexando asistir os triunfos da Aula Newton nos vindeiros anos“.

Fonte: Tecnópole