BioSpain 2014 introduce o modelo de innovación en aberto na súa próxima edición en Galicia

Co modelo de innovación en aberto, BioSpain cedeu o control dalgúns dos seus contidos a socios de prestixio, o que se traduce na organización de 10 sesións por sociedades científicas ou no Foro de Stakeholders.

O 7º Encontro Internacional de Biotecnoloxía, BioSpain 2014, evento bienal organizado entre o 24 e 26 de setembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, trae grandes novidades, reforzando este ano a súa presenza internacional e incorporando o modelo de innovación en aberto que se impón en todos os sectores económicos, entre outras.

A día de hoxe, segundo datos da organización, BioSpain conta con participantes de 300 empresas e institucións procedentes de 20 países, máis de 100 expositores, 27 patrocinadores, 23 entidades colaboradoras, entre elas 10 sociedades científicas, e preto de 100 compañías internacionais. Espera que no mes de setembro se chegue aos 2000 participantes, un 10% máis que na edición de 2012, superando as 800 empresas e institucións de 40 países.

Nesta edición, a feira, coa incorporación do modelo de innovación en aberto, cedeu o control dalgúns dos seus contidos a socios de prestixio, como é o caso da celebración de 10 sesións científicas organizadas por sociedades científicas e médicas ou o Seminario Internacional de Medicina personalizada que organiza o Instituto Roche na feira.

Así mesmo, tal e como destaca a presidenta de ASEBIO, Regina Revilla, “con ese espírito de apertura deseñamos o chamado ‘Foro de Stakeholders’, que ofrece contidos protagonizados e dirixidos a públicos non profesionais: pacientes, consumidores ou buscadores de emprego que contarán coa súa propia feira dentro do evento”. Algúns destes contidos serán retransmitidos por primeira vez en streaming e permitirán o debate en redes sociais antes, durante e despois da sesión.

BioSpain, cuxa 7ª edición coincide este ano coa celebración do Ano da Biotecnoloxía en España e co 15 aniversario de ASEBIO, é o principal evento de biotecnoloxía que se celebra en España e un dos máis importantes a nivel internacional en asistencia (762 empresas e 1850 visitantes en 2012) e número de encontros empresariais realizados (2775 en 2012). En 2012, BioSpain consolidouse como un dos principais encontros empresariais en biotecnoloxía a nivel internacional, situándose no quinto lugar mundial por número de reunións de partnering e empresas participantes e en primeiro lugar en Europa por evento con base fixa nun país.

Presenza internacional

Respecto á presenza internacional, espera contar, só no foro de investidores, con máis de 40 fondos especializados de todo o mundo. Ademais, segundo datos da organización, xa confirmaron a súa presenza responsables globais de alianzas de varias compañías farmacéuticas e multitude de biotechs e investigadores reputados en múltiples áreas.

“O Noso obxectivo é que o 30% do público visitante sexa internacional e, de feito, o idioma oficial volve ser o inglés. Ademais, BioSpain 2014 incorporou un novo módulo, “Biolatam Showcase, que dá continuidade nos anos pares á versión latinoamericana do evento e se formula como un escaparate en Europa desta rexión do mundo; e estamos, ademais, tratando de reforzar tamén a presenza na feira de compañías de mercados líderes como Estados Unidos e Gran Bretaña, sen descoidar economías emerxentes de alto interese como Rusia ou Turquía,”, explica a presidenta de ASEBIO.

Encontro para toda a comunidade sanitaria innovadora

Ademais de reforzar a súa presenza internacional e adaptar o concepto de innovación en aberto, a 7ª edición de BioSpain trae outras novidades importantes. Entre elas, a feira configúrase este ano como punto de encontro para a comunidade sanitaria innovadora. É dicir, este evento non só estará dirixido á industria biotecnolóxica da saúde, farmacéutica ou de produtos sanitarios, senón tamén a centros de investigación biomédica e, sobre todo, a hospitais que apostan pola transferencia tecnolóxica e pola investigación. “Este é un concepto que ASEBIO engloba baixo o epígrafe de Hospital Emprendedor e, neste sentido, quero romper unha lanza a favor da valente política que leva a cabo Galicia nesta materia”, explica Regina Revilla.

Por último, e como cuarto eixe desta edición de BioSpain, destaca como novidade a diversificación a outros mercados usuarios de biotecnoloxía. “Este é o caso da industria química, alimentaria ou cosmética á que tamén nos diriximos, así como a outros novos nichos de negocio como a biotecnoloxía mariña, a forestal ou a chamada bioeconomía, que Europa está a formular como unha alternativa sustentable á economía fósil e que permitirá obter produtos e materiais diversos (combustibles, plásticos, lubricantes,…) empregando como materia prima residuos vexetais ou cultivos industriais”, afirma a presidenta de ASEBIO.

(Fonte: Biospain)