Biohacking, chips implantados na pel que amplifican as nosas capacidades

A ciencia ficción e o movemento ciberpunk mostráronnos dende hai varios anos historias onde os seres humanos se transforman en entes electrónicos, isto por medio de implantes que amplifican as capacidades e axudan a interactuar nun mundo cada vez máis conectado. Pois isto deixou de ser ficción para transformarse nunha práctica común que se realiza de forma clandestina en varias rexións do mundo.

O chamado biohacking, tamén coñecido como biopunk, creceu de forma importante nos últimos anos, ampliando o seu alcance a través de diversas webs que venden kits para controlar outros dispositivos, kits que se implantan nalgunha parte do corpo para que sexamos nós o dispositivo detonante.

Unha práctica non regulada

Tim Shank, un enxeñeiro en software situado no estado de Minnesotta, decidiu hai algúns anos implantarse chips na pel co obxectivo de acelerar accións e diminuír pasos ao activar funcións en dispositivos electrónicos con só se achegar a eles.

Hai uns días implantouse un novo chip NFC, o cuarto en total, o cal o axuda a abrir a porta da súa casa, lanzar accións para enviar correos electrónicos dende o seu smartphone e que contén información de contacto en caso de emerxencia; Tim creou un grupo de “biohackers” que se reúnen de forma habitual para conversar acerca dos avances nesta materia, así como dar a coñecer ideas que logren automatizar tarefas por medio destes implantes.

O problema do biohacking é que ao día de hoxe non existe unha regulación para o seu uso, o que pon en perigo a miles de persoas que fan uso desta tecnoloxía, xa que no caso de Minnesotta todo se realiza nunha sala de tatuaxes, non nun hospital, onde a persoa interesada acode co kit adquirido por internet, que inclúe xiringa e chip, por un prezo de entre 50 e 100 dólares, para posteriormente realizar o procedemento por 150 dólares.

Ata este momento non hai estudos que mostren posibles efectos negativos por este tipo de intervencións, por iso os organismos responsables de saúde, neste caso nos Estados Unidos, non souberon como abordar esta práctica en pleno crecemento, isto sen contar os posibles riscos de seguridade, xa que moitos destes chips posúen información persoal e habilitan funcións de seguridade en coches, fogares e smartphone, as cales se habilitan só con facer contacto.

(Fonte: Xataka)