Tamén coñecidos como biocarburantes, estas fontes de enerxía son unhas das liñas de investigación máis frutíferas da biotecnoloxía. E sen dúbida, aos biotecnólogos non lles falta enxeño nin creatividade. Nos últimos meses, vimos estudos nos que se producían biocombustibles a partir de tequila, cacto, térmites mariños ou mesmo lixo.
Esta variedade de fontes para fabricar biocarburantes responde a un novo paradigma, tamén chamado bioeconomía ou simplemente economía circular. Noutras palabras, esta disciplina trata de aproveitar tanto materias primas como residuos para producir bens e servizos. Seguindo esa idea, as principais estacións de Reino Unido uníronse recentemente para recoller pousos de café e fabricar con eles biofuel.
Pero os residuos das cafeterías londinienses non son os únicos que poden ser aproveitados neste gran reto enerxético. Científicos da Universidade de Adelaida en Estados Unidos estudaron a posibilidade de utilizar os residuos das uvas para producir bioetanol. E é que ás veces non se trata (só) de buscar ideas enxeñosas, senón simplemente de aproveitar o que temos diante dos nosos ollos.
Estes investigadores lograron utilizar restos das uvas (como as peles, as sementes ou os talos) para fabricar de xeito competitivo biocombustibles. O seu resultado parece bastante eficaz, pois a partir dunha tonelada de residuos -anteriormente non aproveitados-, conseguiron 400 litros de bioetanol. Para situarnos, os restos de uvas que se desbotan a nivel mundial alcanzan os 13 millóns de toneladas anualmente.
Segundo a científica Rachel Burton, “os residuos de uvas presentan un gran potencial para ser aproveitados e transformados en biocombustibles”. E é que a maior parte de azucres presentes nestes restos son convertibles por fermentación a etanol, e os que non poden transformarse, poderían ser usados como fertilizantes ou alimento de animais.
No futuro, os biocombustibles serán unha das alternativas que empregaremos no transporte, produción de enerxía eléctrica ou iluminación. Saber qué fontes utilizar para fabricalos será clave, e nese sentido, esta investigación axúdanos a promover a economía circular para aproveitar calquera tipo de residuo co fin de valorizalo e que poida axudarnos a ser máis sostibles.
(Fonte: Axencias)