BFFood, a aceleradora do sector alimentario de Galicia, abre a web a candidatas

Impulsada pola Xunta e dinamizada por Clusaga, a aceleradora do sector alimentario BFFood seleccionará ata 16 proxectos de emprendedores, novas empresas, spin offs e startups. Nesta V edición pódense presentar candidaturas ata o 20 de decembro ás 14.00 horas a través da web. Son as empresas as que mentorizan os proxectos.

Os proxectos poden ser tanto nacionais coma internacionais, pero deben axudar a dar resposta aos retos da industria: automatización, trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria, loxística, sustentabilidade novos produtos e innovación de procesos e comercialización.

BFFood ten impulsado ao longo das súas catro edicións 47 proxectos das 255 candidaturas recibidas, tanto desde España coma desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de nove meses de duración; e ata seis para o de consolidación, de doce meses de duración. As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora aliñada con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario a través da aceleradora poden presentar a súa candidatura a unha das dúas modalidades.

A modalidade de aceleración consiste nun programa de apoio enfocado a iniciativas na súa fase inicial, que estean desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio. Os proxectos poderán acceder a un financiamento de 25.000 € a fondo perdido por parte de Gain, e optar a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000 € a través de XesGalicia. 

A modalidade de consolidación é un programa de apoio integral para empresas xa constituídas, cun produto ou servizo definido. Poderán optar a un préstamo participativo con opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 € por parte de XesGalicia.

Para as dúas modalidades hai programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas, mentoría dos líderes do sector, financiamento directo e acceso a investimento, así como a unha rede de networking no ecosistema alimentario.

Cada proxecto seleccionado contará coa mentorización específica para conducir a evolución e guialos. Nesta V Edición, as empresas mentoras de BFFood son: Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, CEAMSA, Congalsa, CLUN, Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, ALS Laber, DS Smith, Grupo Lence, Grupo Pereira, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez, Viña Costeira, Vegalsa, Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera.

Fonte: Eco