Os drons, dispositivos voadores que non necesitan un piloto humano a bordo, teñen un futuro do máis prometedor, xa que a tecnoloxía civil nestes aparellos marcha máis rápido que a tecnoloxía militar e cada vez cóntase con máis drons capaces de realizar actividades complexas de forma precisa e eficaz.
A aceleradora Business Factory Aero (BFAero), que forma parte do Polo Aeroespacial de Galicia situado no aeródromo lucense de Rozas, no marco da Civil UAVs Initiative (CUI) da Xunta de Galicia, está en pleno proceso de captación da súa terceira convocatoria. O programa de emprendemento seleccionará sete novos proxectos e consolida así por terceiro ano consecutivo a súa firme aposta pola atracción de talento no sector dos drons e os vehículos non tripulados desde Galicia.
As candidaturas para esta convocatoria poderán chegar de toda España e a nivel internacional. As empresas, entidades e startups poderán presentar os seus proxectos para os programas de incubación e aceleración até o vindeiro 22 de outubro.
En marcha 12 iniciativas
BFAero xa impulsa doce proxectos chegados de centros tecnolóxicos, universidades e spin-out empresariais nas súas dúas primeiras convocatorias: nove deles galegos e tres do resto de España. Nesta terceira convocatoria escollerá sete novas ideas, tres para o seu programa de incubación e catro para o de aceleración.
Nas dúas primeiras edicións do programa, un total de 94 candidaturas optaron ás doce prazas finais. Como novidade con respecto ás dúas primeiras edicións, BFAero inclúe unha nova área temática para a presentación de proxectos: a de ideas innovadoras para combater a covid-19 a través de solucións con vehículos non tripulados.
As empresas e startups cunha idea que dalgún xeito poida aplicarse aos vehículos non tripulados (aéreos e mariños) teñen a ocasión de presentarse a esta terceira convocatoria, que conta cun importante apoio de entidades públicas e empresas multinacionais de referencia como Indra e Babcock. Hai múltiples áreas temáticas que poden dar o salto a este sector, aplicando e adaptando a súa solución tecnolóxica a este campo.
Ofrece aos seus proxectos acelerados un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 12 meses tanto para a etapa de incubación como para a de aceleración. Así, as ideas seleccionadas terán á súa disposición titorías e mentorización con expertos no sector, ademais de acceso ás instalacións do aeródromo de Rozas e outras vantaxes.
Fonte: El Correo Gallego