Bernat Soria avoga por modelos público-privados en investigación

O catedrático de Fisioloxía, investigador e exministro de Sanidade Bernat Soria avoga pola colaboración público-privada en investigación como vía para camiñar cara a "modelos que permitan funcionar mellor". O científico defendeu os "modelos mixtos" nunha conferencia organizada polo grupo Agora UDC -que aspirará ao Reitorado coruñés nas próximas eleccións- que se celebrou na sede da Coruña da Fundación Caixa Galicia e na que Soria expuxo os beneficios do investimento en investigación para o conxunto da sociedade.

n
n

 

n

O exministro mostrouse partidario de fórmulas público-privadas en investigación, tanto no ámbito da sanidade coma no universitario, e sostivo que "temos que ir a modelos mixtos". Soria defendeu que "hai que ir a modelos e consorcios público-privados" por entender que estes formatos contribuirán a "xerar modelos que permitan funcionar mellor". "Témonos que axudar", aseverou o investigador valenciano, que abordou a participación do sector privado na investigación sanitaria e universitaria na súa resposta ao profesor integrante de Agora UDC Fermín Navarrina, que preguntou ao relator sobre a súa opinión da Universidade na actualidade e sobre as fórmulas que, no seu xuízo, a mellorarían.

n

 

n

"Son defensor da sanidade e a universidade públicas", afirmou Soria, quen apuntou que "a universidade é unha das mellores cousas que temos, pero ao tempo é manifestamente mellorable". O extitular da carteira que hoxe ostenta Leire Pajín considerou que a importancia concedida ás patentes nas institucións académicas creceu dende hai "cinco ou dez anos" e sentenciou ao respecto: "O proceso xa comezou".

n

 

n

Soria incidiu en que foi e é "de esquerdas" e manifestou a súa convicción de que a súa aposta polos modelos público-privados non constitúe unha contradición coa súa ideoloxía política. "As receitas de antes non valen. Hai que ter unha mentalidade aberta. En investigación, se non entra o privado, nunca nos pareceremos ás sociedades ás que nos temos que parecer. E no meu caso iso non significa renunciar á forma de pensar", defendeu o exministro, quen opinou que "a esquerda se ten que reinventar".

n

 

n

No relatorio, titulado O Sistema Nacional de Saúde como nicho para a creación de empresas, o que fora responsable do Ministerio de Sanidade entre 2007 e 2009, cando Trinidad Jiménez o relevou no cargo, defendeu o investimento en innovación como a clave para saír da actual crise económica e como unha garantía de mellora do benestar social. O científico argumentou que o investimento en innovación repercute de modo directo na calidade de vida dos cidadáns e inflúe na produtividade. "A produtividade é o cociente de valor agregado dun produto e o que nos custa producilo. A única forma de engadir valor a un produto é meter innovación, que nos permitirá ser máis competitivos,", expuxo o investigador.

n

 

n

Soria defendeu que o "gasto" en innovación debe ser chamado "investimento" dado que xera un retorno dun 40%, de modo que, explicou, por cada euro investido gáñanse corenta céntimos. Ademais, citou a Isaac Asimov como aval da súa convicción de que non se pode prever o impacto social de certas innovacións e aseverou, ademais, e en defensa do investimento en innovación, que "a ignorancia sae máis cara".

n

 

n

O fisiólogo matizou que "só a innovación non basta" e puxo como exemplo Estados Unidos, "o país máis potente do mundo investigación" e que, non obstante, rexistra peores cifras que España en factores como a mortalidade perinatal ou a esperanza de vida. ¿Que ten España que EEUU non? "Unha estrutura que transforme a innovación en riqueza e benestar; un Sistema Nacional de Saúde, no caso da sanidade". O exministro socialista defendeu a sanidade pública española, que comparou coa estadounidense, e sinalou que cobertura universal que brinda o Estado español redunda non só no benestar dos cidadáns, senón tamén na economía, xa que inflúe en aspectos que van dende a creación de postos de traballo -600.000 empregos directos- ata unha maior facilidade dos españois para favorecer o consumo porque, a diferenza, por exemplo, dos estadounidenses, non teñen que reservar parte do seu soldo a posibles gastos relacionados coa atención médica.

n

 

n

Soria recalcou, ademais, a diferenza entre a actual cobertura sanitaria e a anterior á Lei Xeral de Sanidade, de 1986. O exministro recordou que, cando a atención sanitaria que rexía pola Seguridade Social, se garantía a saúde "dos empregados e as súas familias e se financiaba no salario". Agora, apuntou, "finánciase con impostos para que sexa sustentable".

n

 

n

En relación á eficiencia no ámbito sanitario, preguntado por un asistente sobre catálogo de fármacos de Galicia, o científico valenciano defendeu o uso de xenéricos: "Ao xenérico hai que pedirlle que sexa bioequivalente, non só na molécula senón no resto de compoñentes. Eu son partidario de que un bo xenérico entre e aumente a eficiencia do sistema".

n

 

n

(Fonte: La Opinión)

n