Poder dar asistencia médica de urxencia no Camiño de Santiago en dez minutos, aínda que a persoa afectada se atope nun lugar de difícil acceso. Ese o obxectivo do proxecto Camiño Cardiosaudable, un dos auspiciados pola Xunta a través da compra pública innovadora, liderado por unha das súas socias na Civil UAVs Initiative de Rozas, Babcock, co apoio do 061.
Lua é o dron desenvolto por Babcock en Rozas adaptado para transportar un kit médico dotado con electrocardiógrafo portátil con calidade diagnóstica, un desfibrilador e outros recursos útiles para prestar unha primeira atención nunha urxencia ata que poidan chegar as asistencias. Tamén incorpora unhas lentes de visión en primeira persoa, para que o facultativo que atenda a chamada poida ver o mesmo que a persoa que presta a atención in situ e así darlle instrucións precisas sobre os primeiros auxilios a realizar.
O Ceo de Babcock, Ángel Rodero, destaca a importancia de ser «moi coidadosos coa seguridade», apuntando que esta «tecnoloxía punteira», na que o equipo da compañía leva traballando máis de cinco anos, xa é un feito. Con todo, aínda non hai unha data de aplicación no mundo real, á espera da adaptación da normativa para que estes drons poidan operar. Aínda así, as perspectivas son boas, tanto polo «impacto real na economía, na xeración de traballo e na produción de tecnoloxía innovadora» do proxecto como polo interese que xa espertou en España e mesmo no estranxeiro esta «aplicación única», destaca Rodero.
Fonte: El Progreso