A Asociación Eólica de Galicia (Ega) advirte de que a comunidade aínda ten por diante «un longo camiño» que percorrer para cubrir as súas necesidades enerxéticas con fontes de produción limpas. Achega un dato respecto diso: as renovables cubriron apenas o 37,7% da enerxía consumida en Galicia en 2019. Conclúe, así, que a demanda se segue cubrindo «principalmente con combustibles fósiles importados do exterior».
Co reto de camiñar cara á autosuficiencia con fontes limpas, a patronal que preside Manuel Pazo destaca que a eólica resulta «imprescindible» para conseguir un modelo «independente » e sustentable. Lembra a súa aposta por un desenvolvemento ordenado, coa incorporación de entre 450 e 500 megawatts (MW) de potencia ao ano, pero sinala que en 2020 instaláronse uns 30 MW e, no que vai de ano, ao redor de 70 «que viñan de atrás».
De cara ao futuro, a Ega destaca que poder materializar o obxectivo de implantar 2500 MW nun período dun cinco anos suporía a creación de 5000 postos de traballo «de calidade» que se sumarían aos 7000 que sostén na actualidade o sector. Pon de relevo, ademais, os 12.000 postos que aspira a xerar a eólica mariña. «Falamos de 24.000 empregos nun escenario de catástrofe económica», remarca.
No que respecta ao papel que xoga a eólica na protección do medio ambiente, apunta que nos últimos doce anos evitou a emisión de «80 millóns de toneladas de CO2». Neste punto, explica que, entre as actividades realizadas polo humano, «a obtención de enerxía é a principal responsable do cambio climático» e da expulsión de gases contaminantes.
A patronal incide, ademais, en que o sector será unha peza clave da recuperación con investimentos que poderían alcanzar os «2500 millóns» nos próximos cinco anos. «Ningunha outra industria moverá semellante cantidade», sinala.
Fonte: Diario de Pontevedra