Avance clave no achado de novos fármacos para evitar os temidos trombos

Un novidoso estudo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) suporá un antes e un despois na identificación de fármacos antitrombóticos, que reducen o risco de sufrir un ataque cardíaco, un accidente cerebrovascular e unha obstrución das arterias e veas, xa que evitan que se formen coágulos de sangue ou que estes aumenten de tamaño. 

Investigadores do CiMUS, da Universidade de Santiago, descifraron o mecanismo e as proteínas clave para a activación dun receptor de plaquetas (CLEC-2); fundamental no mantemento da integridade vascular, o que supón un gran paso para identificar fármacos antitrombóticos. 

O grupo Platelet Proteomics do CiMUS lidera este estudo publicado na revista Thrombosis and Haemostasis, que ademais ilustrou a portada, e que analiza como se activa o receptor C-type lectin-like receptor-2 (CLEC-2), clave na integridade vascular e desenvolvemento dos vasos linfáticos embrionarios; así como en metástases hematóxenas mediadas por plaquetas. Este receptor xoga un papel menor na hemostase -a detención dunha hemorraxia- pero contribúe á estabilización do trombo; un proceso que é clave no desenvolvemento de eventos isquémicos asociados á activación indesexada das plaquetas. 

Segundo explica o investigador do CiMUS e último asinante do estudo Ángel García, “este estudo investiga en detalle o mecanismo de activación deste receptor de plaquetas para así poder identificar que proteínas son claves na devandita activación. Isto foi posible grazas a unha combinación de análises fosfoproteómicas, bioquímicas e funcionais a nivel das plaquetas sanguíneas”. 

Deste xeito, descubriuse como se “orquestran” os eventos intracelulares máis relevantes asociados á activación de CLEC-2. “Isto contribuirá a desenvolver unha mellor estratexia para a identificación de fármacos capaces de inhibir os mecanismos de activación de CLEC-2 e que se puidesen probar na práctica clínica como antitrombóticos”, indica. 

Precisamente, a identificación e o desenvolvemento destes fármacos é a base de todo o traballo do grupo da USC dentro dun proxecto europeo. 

Fonte: El Correo Gallego