Aukor volve poñer o foco en España tras a súa incursión en México

O grupo de enxeñaría Aukor, con sede en Tecnópole, deu un xiro ao seu plan estratéxico para poñer de novo o foco no mercado nacional pola recuperación do sector industrial, tras unha etapa de catro anos na que deu prioridade á actividade internacional, especialmente en México, cando adquiriu a empresa local Mangra no estado de Aguascalientes.

“Estamos a realizar unha aposta moi forte por esgotar as posibilidades no mercado europeo, e particularmente no español, investindo nos medios necesarios tanto desde o punto de vista técnico como comercial”, explica Carlos Sampayo, director xeral.

Tras o regreso a España, asegura que “nos atopamos ante un mercado moi diferente ao de anos anteriores, no que multiplicamos case por dez o volume de traballo e no que os nosos proxectos creceron un 50%. Agora mesmo temos operacións estratéxicas moi importantes por toda España”.

Entre esas actuacións innovadoras atópase a instalación no Porto das Palmas dun sistema que axiliza o proceso de subida dos barcos aos estaleiros, unha liña de descarga de cereais no Porto de Santander, a automatización de varias plantas agroalimentarias e de alimentación animal en Castela e León, e en Galicia un proceso de deshidratación para alimentación humana (control e automatización para producir leite en po e soro lácteo nunha planta de Melide), liñas de fabricación para a industria do automóbil mediante conformado e controis de calidade online –por visión artificial– para a industria láctea.

A recuperación de actividade no mercado nacional sitúa o obxectivo de facturación para 2016 en 12 millóns de euros, un 26% máis que no exercicio pasado (9,5 millóns), cunha contribución internacional limitada a un millón de euros.

Aukor obtivo os seus maiores niveis de vendas entre 2008 e 2010, cun teito anual de 17 millóns. Un exemplo da incidencia da crise sobre a súa actividade en España foi pasar de facturar 7 millóns a 250.000 euros no sector farmacéutico, debido ás deslocalizacións a Asia e á supresión de proxectos europeos. Outra industria moi penalizada pola paralización de investimentos foi a alimentaria. Sampayo lamenta a ineficiente axuda das institucións para exportar.

Dous millóns con software

Unha das novas liñas de negocio de Aukor é o desenvolvemento e implantación de sistemas MES (Manufacturing Execution System) para o control da produción en todo tipo de plantas industriais. Esta iniciativa está orientada especialmente á aposta da Xunta de Galicia por consolidar, con fondos europeos e axudas do Igape, a chamada industria 4.0, é dicir, o plan de modernización para xerar até 50.000 empregos no sector e para impulsar con subvencións o número de “fábricas intelixentes, automatizadas, flexibles, interconectadas, sustentables e sociais”.

Aukor prevé obter unha facturación anual de dous millóns de euros só co negocio da implantación de sistemas MES. O grupo, que está “en proceso de crecemento, con necesidade de integrar xente nova”, ten actualmente 40 traballadores en persoal e opera con tres sociedades: a matriz Aukor Automatización e Control Industrial SL, Passg Enxeñeiros e Carlos Sampayo SL.

(Fonte: Expansión)