Galiciencia convoca o desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!” para estudantes de 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia. Poderán adentrarse nesta aventura pequenos grupos de dous ou tres integrantes, a ser posible mixtos, de entre 10 e 18 anos.
O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados coa ciberseguridade. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da web atrevete.galiciencia.com, remata o 20 de febreiro.
Para chegar á fase final, que terá lugar de xeito presencial durante a celebración de Galiciencia en maio, será imprescindible ter participado nos tres retos online. No derradeiro desafío competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.
Ao longo destes retos os equipos coñecerán os conceptos fundamentais da ciberseguridade, ao tempo que afondarán no uso responsable da tecnoloxía. Deberán resolver enigmas, superar probas técnicas e tomar decisións para poder avanzar. Porán a proba a súa lóxica, creatividade e pensamento computacional. O obxectivo non é só chegar á final, senón gozar do proceso, aprender xogando e descubrir como desenvolverse con criterio e de maneira ética e segura no mundo dixital.
Un axuda de 100 euros para gastos de transporte
Este ano Tecnópole achegará unha axuda de 100 euros para gastos de transporte aos equipos que se clasifiquen para a fase final do desafío. Poderán beneficiarse da mesma os centros educativos que non sexan de Ourense capital nin dos concellos limítrofes.