Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia impulsan a plataforma de formación experimental online Steambites

O Parque Tecnolóxico de Galicia e Atresmedia Formación puxeron en marcha a plataforma de formación experimental e a distancia Steambites. Nestes tempos de pandemia ofrece unha alternativa para os mozos que desexen aprender e experimentar en materia de ciencia e tecnoloxía.

Esta plataforma combina a formación online e tamén experiencial a través de dous cursos dirixidos a mozos de entre 8 e 16 anos interesados en ampliar os seus coñecementos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía. A matrícula está aberta na web de Atresmedia Formación (https://www.atresmediaformacion.com/tematica/tecnologia/).

Esta proposta formativa preséntase como unha alternativa diferente de aprendizaxe en liña pero, ao mesmo tempo, sen renunciar á formación vivencial, a experimentar. Para iso, os alumnos participantes reciben un kit práctico que lles permite ir aplicando os coñecementos impartidos a través da plataforma online.

Dous cursos de 12 semanas

O programa inclúe dous cursos diferentes, por idades, de 12 semanas cada un. Os mozos e mozas poderán converterse en pequenos inventores ou experimentar no campo da ciberseguridade, o deseño 3D ou a realidade aumentada; así como crear aplicacións móbiles de forma atractiva e sinxela. O kit que recibe cada alumno contén material científico e tecnolóxico para completar cos coñecementos e indicacións que dará, a través da plataforma, o profesor.

O obxectivo é que os mozos poidan profundar e experimentar en contidos STEAM -Ciencia, Tecnoloxía, Arte e Matemáticas-. Ao finalizar a formación, o alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Fonte: Tecnópole