O Parque Tecnolóxico de Galicia e Atresmedia Formación poñían en marcha o pasado ano a plataforma de formación experimental e a distancia Steambites. Trátase dunha alternativa para os mozos que desexen aprender e experimentar en materia de ciencia e tecnoloxía.
Esta plataforma combina a formación online e tamén experiencial a través de cursos dirixidos a mozos de entre 8 e 16 anos interesados en ampliar os seus coñecementos nos ámbitos científico e tecnolóxico. A matrícula está aberta na web http://steambit.es.
Esta proposta formativa preséntase como unha opción diferente de aprendizaxe en liña pero, ao mesmo tempo, sen renunciar á formación vivencial, a experimentar. Para iso, os alumnos participantes reciben un kit práctico nos seus domicilios que lles permite ir aplicando os coñecementos impartidos a través da plataforma online. O kit contén material científico e tecnolóxico para completar cos coñecementos e indicacións que o profesor proporciona a través da plataforma.
Dous novos cursos
O programa inclúe dous novos cursos diferentes, divididos por idades, e que poden seguirse de forma mensual ou cuadrimestral. STEAM 010 Kids permitirá explorar o espazo en febreiro, achegarse ao CSI en marzo, explorar a vida en abril e converterse en makers en maio. Pola súa parte, os máis maiores achegaranse a través de STEAM 010 ao universo da química en febreiro, ao mundo maker en marzo, á física en abril e aos misterios da bioloxía en maio.
O obxectivo destas propostas é que os mozos poidan afondar e experimentar en contidos STEAM -Ciencia, Tecnoloxía, Arte e Matemáticas-. Ao rematar a formación, cada alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Fonte: Tecnópole