Atiga representa a Galicia en Vanguard Initiative, a principal rede de rexións innovadoras de Europa

A Alianza Tecnolóxica intersectorial de Galicia (Atiga), formada por Aimen, Anfaco-Cecopesca, CTAG, Gradiant, Energylab e ITG, foi designada pola Xunta de Galicia para representar á comunidade, a nivel operativo, en Vanguard Initiative, un proxecto de colaboración interrexional, no que participan 30 rexións europeas, que propón novas formas de mobilizar e aliñar os recursos a través da innovación e a fabricación intelixente.

Atiga representa a Galicia no grupo “Efficient and Sustainable Manufacturing”, que ten por obxectivo crear unha rede demostradores piloto de innovación industrial, a nivel rexional, que permitirán a compañías de diferentes sectores desenvolver e aplicar métodos, tecnoloxías, sistemas e procesos altamente eficientes e sustentables, que as farán máis competitivas.

En concreto, nesta área xa están en desenvolvemento cinco demostradores orientados á refabricación para recuperar e reutilizar as funcións e os materiais de produtos no final da súa vida útil; á fabricación adaptativa e intelixente de produtos e compoñentes personalizados; ao desenvolvemento de tecnoloxías de fabricación avanzadas e sustentables en tratamento de superficies e revestimentos con polímeros; á planificación integrada dixital e virtual, para levar ao ámbito operativo; e ao desenvolvemento de procesos de fabricación enerxética e ambientalmente eficientes.

Atiga participou activamente na última reunión de Vanguard Initiative, que se acaba de celebrar en Bruxelas e que congregou máis de 400 asistentes. A alianza estivo presente en máis de 15 reunións operativas para posicionar e dar a coñecer a nosa rexión e as súas capacidades nestas áreas e tratar de aproveitar ao máximo este ámbito de colaboración e oportunidade.

A participación nesta iniciativa ofrece a Atiga a oportunidade de atopar sinerxías entre centros tecnolóxicos e empresas de toda Europa que favorezan os avances en industria 4.0.; crear unha rede de contactos con socios europeos que complemente o seu know-how; e explorar novas oportunidades de colaboración en campos tecnolóxicos considerados estratéxicos. Así mesmo, permitirá á industria galega estar informada dos desenvolvementos industriais que se están a dar en Europa, detectar con antelación novos nichos de mercado e poñer en marcha novas tecnoloxías.

Vanguard Initiative

Entre os membros de Vanguard Initiative inclúense rexións punteiras de España, Alemaña, Francia, Bélxica e Portugal, que asinaron un compromiso político que explica como dende esta iniciativa traballarán xuntos para cocrear, cofinanciar e colaborar en proxectos e programas innovadores que fomenten o desenvolvemento da industria na Unión Europea.

O núcleo principal do enfoque de Vanguard Initiative é promover os investimentos conxuntos, polo que todas as rexións membro traballan coordinadamente para xerar modelos de financiamento e de investimento que poidan apoiar os casos de demostración desenvolvidos nas cinco áreas temáticas prioritarias: bioeconomía, fabricación eficiente e sustentable, impresión en 3D, nanotecnoloxía e manufactura avanzada en enerxía en ámbitos hostís.

O propósito final de todos os grupos que traballan nestas áreas é xerar propostas viables, comerciais e con impacto industrial, poñendo en contacto expertos rexionais que intercambien experiencias e coñecementos.

(Fonte: Innovamás)