ATIGA logrou superar os 50 millóns de euros de ingresos agregados e alcanzou os 89 millóns de euros en investimentos tecnolóxicos acumulados. Pola súa banda, o equipo humano creceu un 7,9%, chegando a 878 traballadores; e a súa carteira de clientes suma 1699 empresas, ás que presta servizos tecnolóxicos e de I+D+i en 27 países.
Así mesmo, os centros tecnolóxicos ATIGA contribuíron notablemente á modernización da economía galega, apoiando ao tecido industrial na posta en marcha de numerosas iniciativas innovadoras que favoreceron a súa internacionalización e desenvolvemento tecnolóxico. Así en 2015, levaron a cabo 285 proxectos de I+D+i, dos cales 56 foron de carácter internacional. En concreto, no marco do Programa Europeo Horizonte 2020, ATIGA participa en 13 iniciativas, con retornos directos de 5,37 millóns de euros.
Por outra banda, 112 empresas participan xunto aos centros tecnolóxicos membros de ATIGA no desenvolvemento de 29 proxectos FEDER-INNTERCONECTA, cuxo presuposto total rolda os 55 millóns de euros. Neste sentido, o presidente de ATIGA, quixo agradecer publicamente o apoio prestado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), na posta en marcha de iniciativas deste tipo que fomentan a competitividade do tecido económico e industrial de Galicia.
Retos para o ano 2016
ATIGA afronta o futuro centrando os seus esforzos en facilitar a axeitada transferencia de coñecementos e a absorción das solucións desenvolvidas polos Centros Tecnolóxicos por parte da industria e en potenciar, conectar e internacionalizar o ecosistema galego de innovación, incrementando a xeración de patentes, a venda de tecnoloxía no exterior e a participación de empresas en programas europeos e internacionais de innovación, como o Horizonte 2020.
O obxectivo final de Alianza é impulsar un polo tecnolóxico multisectorial e excelente a nivel europeo que desenvolva as solucións tecnolóxicas necesarias para garantir a transformación efectiva da industria galega; e conectar os diferentes sectores industriais, mediante metodoloxías de traballo e solucións tecnolóxicas transversais que faciliten a hibridación sectorial e o avance da industria 4.0.
(Fonte: ATIGA)