O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza”, impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Igape- e o Parque Tecnolóxico de Galicia, ten en marcha a súa cuarta convocatoria, na que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. As solicitudes deberán presentarse ata o 25 de marzo a través de https://www.tecnopole.gal/galiciaavanza/.
O obxectivo deste programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación internacional, ademais de abrirse a novos mercados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Criterios de selección
Á hora de seleccionar ás pemes, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal e o nivel de implicación das empresas beneficiarias na metodoloxía do programa.
No caso de ter sido beneficiaria nalgunha das convocatorias de “Galicia Avanza”, só se admitirán propostas de internacionalización de produtos e servizos diferentes aos presentados anteriormente ou ben os mesmos pero dirixidos a mercados internacionais que difiran significativamente nas súas formas de entrada e comercialización.
Itinerarios personalizados para cada empresa
“Galicia Avanza” ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de oito meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, deseño e rexistro de marcas comerciais e deseños industriais, así como a estratexia de acceso ao mercado. Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentorización, asesoramento e formación comercial e técnica.
Durante os dous primerios meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de consultores expertos en diferentes materias e recibirán formación en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.
Nas tres edicións anteriores do programa impulsouse a internacionalización dun total de 81 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos.