Un módulo de asesoramento financeiro automático que dará recomendacións aos usuarios para axudarlles na súa planificación financeira. Ese é o último proxecto da empresa Coinscrap Finance, que se atopa situada no Parque Tecnolóxico de Galicia e que conta para lograr este obxectivo co apoio dos préstamos IFI Innova da Xunta de Galicia. Esta firma tamén conta co respaldo de XesGalicia, mediante unha participación do 5,13% no seu accionariado. A empresa sitúase nunha contorna ideal para o desenvolvemento deste tipo de proxectos, xa que a Tecnópole ourensá converteuse nun polo empresarial enfocado cara á innovación e a sustentabilidade para captar investimentos e atraer e reter talento.
Un dos alicerces do modelo de Coinscrap Finance ten que ver na convicción de que a toma de decisión por parte do cliente está relacionada con factores que van desde o aspecto psicolóxico até os sociais ou os cognitivos. Así, a empresa deseña solucións que se convertan nese «empuxón» que axude aos usuarios a analizar as súas finanzas, descubrir recomendacións, facilitar as decisións e automatiza.
Evolución
Coinscrap Finance iniciou a súa andaina no ano 2016 como un proxecto de B2C (acrónimo en inglés de negocio a consumidor) que axudaba aos usuarios a mellorar a súa capacidade de aforro e planificación financeira. Con todo, aos poucos foi pivotando cara a un modelo no que desenvolveu produtos de marca branca moi escalables e que rapidamente se adaptan ao deseño e experiencia de usuario do cliente.
Na súa carteira de servizos atópanse solucións de comercialización de microseguros e microinvestimento baseados no open banking para que entidades financeiras e aseguradoras os integren. Nesta liña, a súa misión é a de mellorar a saúde financeira das familias e simplificar a contratación dun seguro de vida converténdoo nun proceso 100% dixital. E é que no eido dos seguros, o escenario cambiou de forma radical nos últimos anos. A dixitalización deste campo provocou un aumento dos produtos embebidos, que destacan por integrarse en procesos de compras doutros produtos e servizos aos que complementan. Esta precisión no resultado final conséguese a través da intelixencia artificial. Nesta liña, o motor de categorización desenvolto por Coinscrap desde a Tecnópole é capaz de levar a cabo estas recomendacións cun 90% de eficacia. Iso supón que o usuario final obtén suxestións de seguro personalizadas e automáticas durante o proceso de compra dun produto ou servizo.
Entre os seus clientes traballan con firmas relevantes no sector como Banco Santander, EVO Banco, Caser Seguros ou Mapfre. A empresa conta con instalacións en Madrid e Pontevedra e foi creada no ano 2016 por David Conde, conxuntamente con Óscar Barba e Juan Carlos. Conde é o director executivo e conta cunha ampla experiencia dentro da banca privada e na asesoría de institucións financeiras.
Fonte: La Voz de Galicia