As Xornadas de Automatización Industrial poderían pasar a celebrarse todos os anos ante o éxito alcanzado

O éxito das Xornadas de Automatización Industrial (JAI) desenvolvidas durante toda a semana pasada na Escola de Enxeñería Industrial do Campus de Vigo levou aos centros tecnolóxicos e a outras entidades de carácter industrial a formular a posibilidade de que se celebre con carácter anual.

Ata agora as xornadas tiñan lugar cada dous anos, agás nos últimos catro, que se interromperon. Nesta ocasión non só se retomaron, senón que recibiron un forte impulso cun espazo para a exposición das últimas novidades e a presenza de empresas líderes no sector.

Para Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), “as JAI foron un éxito ao permitir ver os últimos avances en robotización e automatización e achegar o coñecemento da Universidade ás industrias e empresarios do metal galego”. Considéraas unha boa iniciativa como encontro do coñecemento e cre que perfectamente poderían ter carácter anual co formato actual e a boa organización.

No mesmo sentido pronúnciase Víctor Alonso, responsable da área de Procesos e Factorías do Futuro do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). “Estivo moi ben por dous motivos: porque achega ao contorno as innovacións da industria 4.0 e, por outro lado, a nivel universitario ofrece a posibilidade de ver o que fan as empresas”. Na súa opinión, “é bo que se fagan cada ano, porque a tecnoloxía evoluciona moito, xorden novos desenvolvementos e métodos e para recollelos só se pode facer de forma anual”.

Preto de medio millar de alumnos asistiron ás Xornadas de Automatización, a maioría de Enxeñería Industrial. Os consultados coinciden en que “son estupendas”, porque lles permiten ver o que se fai na actualidade. “Gustaríanos ver máis cousas destas dende o principio da carreira e ter menos teoría. Deberían ser máis prácticas. De momento non tivemos moito contacto con ese mundo e, en xeral, co laboral. Supoñemos que será coa especialidade”, comenta un grupo de alumnos de segundo.

20 robots e 700 profesionais

A intelixencia artificial apoderouse do evento. Robots con visión artificial e tacto que conviven na fábrica cos operarios sen xerar problemas de seguridade, humanoides con nome de pía que dialogan cos humanos, robots móbiles (incluído o dron mariño máis grande de Europa de Industrias Ferri e o vehículo autónomo de PSA), solucións de realidade virtual e aumentada como a utilizada por Navantia, unha réplica do personaxe de Star Wars R2-D2, un robot cortacéspede traballando en solitario nos xardíns exteriores e así ata 20 modelos distintos.

A Escola de Enxeñería Industrial foi, durante os días que duraron as JAI, o grande escaparate da robótica, coa participación de 700 profesionais, 400 alumnos, 35 empresas que levaron os seus produtos innovadores ao Campus e outras que organizaron un intenso programa de conferencias.

(Fonte: La Voz de Galicia e Atlántico Diario)