As universidades da Coruña e Vigo alertaron da “abrupta caída” de mulleres matriculadas nas titulacións de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, cualificou de “baixísima” a porcentaxe de mulleres que cursan o grao de Enxeñaría Informática en Galicia, “12%” precisou.
Abalde subliñou que as tres universidades galegas están a pór en marcha un Grao de Intelixencia Artificial, que na UDC conta co 32% de mulleres, e o grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos, co 37%. Así, apelou a unha maior implicación das empresas, administracións e medios de comunicación para conseguir “un maior número de vocacións femininas”.
A UDC, a Universidade de Vigo (UVigo) e a Cátedra Albada-Wib están a traballar conxuntamente para facer fronte a esta fenda de xénero. A Cátedra presentou o “Barómetro da fenda de xénero nos estudos TIC” e, segundo os seus datos, o curso con maior matrícula de alumnas nas titulacións TIC foi o de 2011-2012, cun 20%. “O mellor ano é substancialmente malo”, apuntou a codirectora Alma María Gómez, quen destacou que os resultados académicos das mulleres son “en xeral, lixeiramente mellores que os dos seus compañeiros”.
Fonte: Nós Diario