As universidades alíanse coas 6000 pemes dos parques tecnolóxicos españois para traballar nos obxectivos de Europa 2020

A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) van  traballar conxuntamente para promover a participación das 6000 pemes situadas nos parques científicos e tecnolóxicos españois e os grupos de investigación das universidades españolas nos programas de axudas do novo marco europeo 2014-2020.

Conscientes da importancia que outorgou Europa á participación das pemes, en todas as liñas de axudas, e á necesidade de promover consorcios e proxectos que destaquen polo seu grao de excelencia para conseguir maiores taxas de éxito nos novos programas de axudas, tanto APTE como a CRUE  decidiron xuntar esforzos e empezar a traballar de forma conxunta.

APTE conta coas 6000 pemes máis innovadoras do país, segundo avalan diversos estudos, e a CRUE representa o Sistema Universitario Español, aglutinando aos grupos e plataformas investigadoras do noso país. É dicir, os ingredientes necesarios para poder propiciar a creación conxunta de grandes consorcios que poidan competir a nivel europeo nas distintas convocatorias de Horizonte 2020 e Fondos Estruturais.

Unha característica común, tanto para Horizonte 2020 como para as liñas de axudas dos Fondos Estruturais, vai ser a aposta pola excelencia e a especialización intelixente. Co cal, calquera proxecto que queira ter algunha posibilidade de éxito nos programas de axudas europeos debe cumprir estes dous requisitos.

Precisamente nestas dúas premisas baséase a estratexia na que van colaborar APTE e a CRUE. É dicir, promover consorcios competitivos entre pemes e grupos de investigación universitarios, especializados en áreas temáticas concretas, como esixen as Estratexias Rexionais de Especialización Intelixente (RIS3).

Para iso, APTE está a realizar unha nova segmentación das empresas localizadas nos parques, agrupándoas por áreas de interese común. Ata a data, detectáronse xa 64 áreas pertencentes a 20 sectores diferentes. O obxectivo é integrar grupos de investigación dentro destas áreas e propiciar, así, a creación de consorcios para futuros proxectos a presentar nas distintas convocatorias de axudas.

Desta forma, preténdense cumprir outros dous obxectivos: Enfocar a idea ao mercado, tal e como establece a Estratexia Europea, e aumentar a contribución da Universidade ao progreso e desenvolvemento económico do país.

(Fonte: APTE)