Gómez fixo un percorrido polos diferentes tipos de impresoras 3D que existen actualmente no mercado, moi evolucionadas e con multitude de variantes desenvolvidas especialmente nos últimos seis anos, desde a popularización desta tecnoloxía, cualificada por ela como “a terceira revolución industrial”. Neste ámbito, citou desde as máis innovadoras e sofisticadas, como a desenvolvida polo MIT para imprimir vidro, ata as domésticas, que permiten ter esta tecnoloxía na casa a partir de 80 euros.
Polo que se refire aos materiais, a fundadora de masque3D asegurou que cada día aparecen novas opcións. Explicou que a base habitual é a base de pellets de amidón de millo e ácido láctico, “totalmente biodegradable”, pero existen xa moitas variantes con recubrimentos que brillan na escuridade, flexibles, de madeira, de cerámica, de metal, magnéticos, condutivos ou incluso reciclados (como o que se investiga na Universidade de Vigo a partir da casca de mexillón).
Da industria á comida
A pesar de que nun principio foi a industria a que concentrou os usos da impresión 3D, con vantaxes moi importantes nos procesos grazas á produción de moldes, maquetas e prototipos, as aplicacións actuais só teñen como límite a imaxinación. Segundo explicou Ana Gómez, ademais dos xogos de mesa, os drons, as xoias, a escultura e os instrumentos musicais, esta tecnoloxía está permitindo xerar avances en campos como a medicina, a moda ou a alimentación. Os implantes e próteses, os audiófonos, as zapatillas deportivas, os complementos e ata as pizzas se están imprimindo xa en 3D, así como edificacións enteiras e pezas para coches de fórmula 1.
Como casos de éxito citou a Adidas, que conseguiu un aforro de catro a seis semanas de traballo na creación de modelos novos grazas á impresión de prototipos. Tamén a Airbus, que comezou a imprimir as fibelas dos cintos de seguridade en titanio, coa conseguinte redución de peso e custos. Ou o caso dun cardiólogo infantil de Miami que, imprimindo modelos e traballando neles antes, está logrando índices moi altos de éxito en operacións a corazón aberto en nenos.
Sobre o futuro, Gómez destacou que a profesión de deseñador 3D está catalogada como unha das cinco que maior potencial presenta, ao que engadiu que xa se comezaron as probas da impresión 4D, que introduce a cuarta dimensión, a do tempo. “Permitirá facer pezas que se modifiquen a si mesmas co paso do tempo, o que, por exemplo, no sector téxtil fará posible a produción dunha mesma prenda en diferentes talles”, concluíu.