As start-ups de Tecnópole poderán acceder a financiamento de fondos de investimento de todo o mundo

A Asociación de Parques Tecnolóxicos de España (APTE), á que pertence Tecnópole, ICEX España e Invest Sao Paulo lanzaron unha convocatoria que busca poñer en contacto start-ups, tanto do estado de Sao Paulo como de España, con fondos de investimento de todo o mundo, co fin de facilitar o financiamento dos seus proxectos e a súa posterior internacionalización.

Só poden participar as empresas situadas nos parques científicos e tecnolóxicos membros de APTE ou nos da rede de parques de Sao Paulo. Os proxectos a presentar deberán ser necesariamente innovadores, estar nun estado avanzado, e ter potencial para a súa aplicación comercial. Estes proxectos, ademais, deberán estar relacionados coa tecnoloxía da información aplicada en sectores concretos: sector financeiro e de seguros, saúde, telecomunicacións, agroindustria e bens de consumo.

As empresas seleccionadas recibirán un programa de mentoring presencial dende o 15 de abril ao 15 de maio co obxectivo de preparalas para que se presenten a investidores. As que superen a fase de mentoring presentarán a súa empresa a potenciais investidores a través dun vídeo en inglés de 5 minutos.

En xuño terá lugar unha presentación dos resultados da convocatoria en Sao Paulo onde as empresas participantes poderán facer unha presentación virtual ou presencial para animar o proceso de cooperación entre elas e tamén terá lugar unha presentación dos parques científicos e tecnolóxicos españois e da rede de Sao Paulo.

O prazo de presentación remata o 31 de marzo.

Máis información.

(Fonte: Departamento de proxectos de Tecnópole)