As sete cidades galegas contarán con centros de ciberseguridade a través dun plan de dixitalización financiado polo Goberno, que distribuirá máis de 3,6 millóns de euros entre as urbes. As subvencións están ligadas ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e forman parte dos 89,4 millóns que o Goberno repartirá entre 145 Administracións locais de toda España.
Os centros de ciberseguridade crearanse nas cidades galegas na rede nacional deste ámbito. Un dos obxectivos deste plan é a prevención de ciberataques, ademais de potenciar as capacidades humanas e tecnolóxicas dos concellos.
As contías outorgadas polo Goberno están relacionadas co número de habitantes de cada cidade, polo que Vigo será a que obteña unha maior axuda, de 1,08 millóns de euros para o financiamento de catro proxectos, entre os que están o centro de ciberseguridade e a mellora e modernización da infraestrutura de proceso de datos do Concello. Mentres, A Coruña obtén 921.112 euros para implantar operacións intelixentes nos servizos dixitais municipais.
Ourense verá financiados tres proxectos por 393.002,95 euros, un deles de equipamento para teletraballo, e Lugo recibirá 366.500 para modernizar a rede wifi municipal e dotarse de dispositivos dixitais. Santiago percibirá 364.004,74 euros para o seu centro de ciberseguridade e Pontevedra despregará unha infraestrutura de procedementos administrativos e renovará a súa rede con 309.276,00 euros. Pola súa parte, Ferrol será a que reciba unha menor contía, 237.763,80 euros, para o seu centro de control.
Fonte: La Voz de Galicia