O almorzo organizado por Tecnópole, que terá lugar entre as 9.30 e as 10.30 horas na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole, xa está aberto á inscrición.
Baixo o título “Experiencias prácticas e cuestións conflitivas extraídas do peche contable e fiscal baixo a nova normativa do Imposto sobre Sociedades”, Francisco Soto Balirac, asociado principal da firma Garrigues e profesor do Grao de Administración e Dirección de Empresas da Escola de Negocios Afundación, fará balance do peche fiscal do primeiro exercicio fiscal completo baixo a nova normativa.
As modificacións do IS comezaron en 2015 no marco dunha importante reforma fiscal froito do período de recesión económica, que propiciou cambios na lexislación mercantil e tributaria co fin de crear emprego, reducir a fiscalidade para as rendas do traballo e, no ámbito das sociedades, fomentar a competitividade. Foron revisados así o tres principais impostos que supoñen o 84% da recadación tributaria: o IRPF, o IVE e o IS.
Entre outros aspectos, durante o almorzo tratarase a recente reforma do pago fraccionado e do incremento do tipo mínimo do IS do 12 ao 23%.