O 21% do consumo enerxético mundial en 2030 procederá das renovables, aínda que o progreso na expansión deste tipo de enerxías segue sendo complicado, malia o investimento. É unha das conclusións máis destacadas do Informe sobre o Progreso Enerxético, elaborado pola Axencia Internacional da Enerxía (AIE) e o Banco Mundial (BM), entre outros organismos internacionais.
No documento repásanse os progresos realizados de cara aos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU para 2030 en materia de enerxía, nos que se establece como unha das metas o incremento “substancial” das renovables.
En 2010, o 16,7% do consumo enerxético mundial era cuberto por renovables, porcentaxe que aumentou ata o 17,5% en 2015. Do total de 2015, o 9,6% correspondeu a enerxías renovables modernas (bioenerxía, xeotérmica, hidráulica, eólica e solar) e o resto de usos tradicionais da biomasa. O sector da electricidade, que representa o 20% do consumo final de enerxía, rexistrou un “rápido progreso” na expansión das renovables grazas á caída dos custos da eólica e a solar, o que permitiu que as enerxías limpas alcanzasen o 22,8% do total en 2015.
Un desafío para países en desenvolvemento
O 80% restante procede de sectores con ratios de renovables “moi baixos”, como os transportes, ou que se estancaron, como os sistemas de calefacción.
Nos últimos anos, o progreso das renovables supuxo un desafío, especialmente nos países en desenvolvemento onde o consumo segue crecendo rapidamente, segundo o documento, que agrega que malia o forte investimento, “foi complicado para a expansión das renovables manter o ritmo do aumento da demanda enerxética”.
En termos positivos, o informe destaca o caso de China, que acumulou o 30% do crecemento total en renovables en 2015; de Reino Unido, cuxo crecemento multiplicou por cinco a media global entre 2010 e 2015, e Brasil, onde a porcentaxe de renovables sobre o total duplicou a media mundial.
Enerxías limpas para todos
En canto á eficiencia, o texto apunta melloras no indicador de intensidade enerxética, que mide a enerxía necesaria para producir riqueza, e que se reduciu a un ritmo do 2,2% dende 2010.
Non obstante, aínda está lonxe das metas da ONU, xa que o informe estima que en 2030 se sitúe no 2,4%, inferior ao 2,6% que se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sustentable.
O documento destaca tamén atrasos nos outros dous obxectivos para 2030, o acceso de toda a poboación á electricidade e ás enerxías limpas para cociñar.
No primeiro caso, prevé que en 2030 só o 92% da poboación teña acceso a electricidade, aínda que destaca o crecemento dos sistemas solares domésticos, presentes en polo menos 30 millóns de fogares. En canto ás enerxías limpas para cociñar, só o 73% da poboación terá acceso a elas en 2030.
Actualmente, uns 3000 millóns de persoas continúan cociñando con sistemas contaminantes, como a queima de madeira ou carbón, que provocan 4 millóns de mortes prematuras anuais.
(Fonte: EFE)