As puntas de lanza do sector téxtil ourensán recuperan sensacións

O sector téxtil é unha das puntas de lanza da economía ourensá e, por extensión, do sur de Galicia, con varias compañías con tendas non só a nivel galego e nacional, senón repartidas por todo o mundo.

A industria téxtil ourensá, en proceso de transformación, foi recuperando pouco a pouco a súa actividade en contornas moi cambiantes e cun mercado exterior cun peso importante nas tres marcas máis significativas: Sociedade Téxtil Lonia (Purificación García e Carolina Herrera), Adolfo Domínguez e Roberto Verino.

De todos os xeitos, o sector sofre a “incerteza” porque a inflación ou a guerra en Ucraína poden botar por terra calquera previsión. De momento, as marcas ourensás capean o temporal nun gremio que ten máis dun milleiro de puntos de venda en todo o mundo e emprega directamente a unhas 3.000 persoas.

Unha das máis representativas do sector é Roberto Verino, con sede na Tecnópole. A téxtil galega rematou o exercicio 2021 cunhas vendas de 28 millóns de euros. É case un 90% máis que os números do ano da pandemia. A firma de moda quere medrar, tanto na canle física como na online. Actualmente vende por internet en 20 países e xera un 12% das súas vendas no exterior.

Fonte: La Región