As pemes españolas encabezan o ranking de empresas apoiadas en Horizon 2020

España é ata o momento o primeiro país da Unión Europea en número de pemes seleccionadas nas convocatorias de axudas do Instrumento PEME, que conta cun presuposto de 2700 millóns de euros dentro do programa europeo de investigación e innovación, Horizonte 2020.

Este instrumento ten como obxectivo apoiar a todas aquelas pemes innovadoras con ambición de crecer e internacionalizarse, polo que aborda o ciclo completo da innovación, dende a fase de viabilidade técnica da idea de negocio ata a súa chegada a mercado.

Esta iniciativa subvenciona, nunha primeira fase, con 50.000 euros ás pemes europeas seleccionadas para estudar a viabilidade técnico-económica da súa idea de negocio así como o seu potencial comercial.

A segunda fase busca a demostración das devanditas ideas de negocio en ámbitos próximos ao mercado, incluíndo actividades de demostración, prototipos, homologación, deseño de produto ou servizo, entre outros. Durante esta etapa concédense subvencións de ata o 70% do presuposto do proxecto cun financiamento entre 2,5 millóns de euros e 500.000 euros por proxecto, aínda que na área de Saúde esta subvención pode chegar ao 100% e pode oscilar entre 1 e 5 millóns de euros por proxecto.

A terceira etapa, máis orientada á comercialización, non conta con financiamento directo, pero facilita que as pemes poidan acceder a financiamento privado para consolidar o seu crecemento internacional.

Excelentes resultados para España en 2014

Segundo os datos provisionais das convocatorias de 2014, facilitados pola Executive Agency for Small and Médium-sized Enterprises (EASME), organismo xestor do instrumento, España é o primeiro país por número de pemes beneficiarias tanto na Fase 1 coma na Fase 2.

Na primeira fase, os datos acumulados das tres convocatorias de 2014 sitúan a España na primeira posición, con 129 compañías participantes de 655, por diante de Italia (108), Reino Unido (81) ou Alemaña (49). Na segunda fase, os datos das dúas convocatorias de 2014 sitúan primeiras a España e Reino Unido con 25 empresas cada un, por diante de Alemaña e Holanda con 17. Estas 25 pemes españolas recibiron 26,4 millóns de euros (12,36% de retorno tomando como referencia a UE-28), cifra que sitúa a España como terceiro país que máis fondos conseguiu, só por detrás de Reino Unido (31,55 millóns) e Holanda (27,6 millóns).

Estes resultados poñen de manifesto a grande aceptación que está a ter esta iniciativa no colectivo empresarial español e demostra que é un instrumento que se adecúa ás necesidades reais das pemes españolas no seu proceso de crecemento.

(Fonte: Agencias)