As pemes españolas apostan pola microtecnoloxía

As dificultades financeiras das pequenas e medianas empresas, o elevado risco de investimento e o descoñecemento dos provedores convertéronse nos principais obstáculos para este tipo de entidades á hora de incorporar novas tecnoloxías que lles permitan impulsar a súa competitividade.

Por este motivo, foron xurdindo novas formas de aplicala dentro deste tipo de empresas coa incorporación da “microtecnoloxía”, un grande avance que pode axudar ás pemes a dar un salto importante no desenvolvemento dos seus proxectos, xa que son capaces de dotar aos produtos de prestacións innovadoras que constitúen unha vantaxe respecto aos competidores e son aplicables en multitude de sectores.

Neste contexto, a Unión Europea (UE) aprobou recentemente dous proxectos de investigación nos que o centro tecnolóxico vasco IK4-IKERLAN achegará o seu coñecemento neste ámbito. Estas iniciativas, que responden ao nome de “Gateone” e “Smarter-SE”, terán un presuposto próximo aos 10 millóns de euros.

Como resaltou Aitor Ezkerra, un dos investigadores da entidade vasca, “a aprobación destes dous novos proxectos por parte da UE supón un grande impulso para facer chegar a tecnoloxía ás pemes que máis o necesitan”. Non en van, o centro acumula unha importante experiencia na investigación e desenvolvemento de microtecnoloxías, un ámbito no que está a realizar unha aposta crecente para achegar un plus de valor ao tecido industrial vasco.

Trátase dun tipo específico de tecnoloxías que teñen a capacidade de achegar funcións “intelixentes” aos produtos e que son aplicables a numerosos sectores; pero son o transporte, a enerxía, os bens de equipos e a saúde onde foron collendo máis forza nos últimos anos. Unha forma de achegar a innovación ás empresas que contan con menos recursos tecnolóxicos

Oportunidade para as pemes

Os proxectos europeos Gateone e Smarter-SE, cunha duración total de 36 meses, foron deseñados coa intención de permitir que as pemes europeas adopten e comercialicen sistemas intelixentes, é dicir, sistemas con capacidade para monitorizar o contorno, ofrecer ao usuario información ou mesmo tomar decisións e xerar respostas a partir dos datos procesados.

As microtecnoloxías son un elemento clave no desenvolvemento destes sistemas, xa que contribúen á capacidade de captura de información, a realización dun primeiro procesamento dos datos e a interacción dos dispositivos intelixentes co seu contorno. Dentro destes proxectos, o peso das microtecnoloxías é especialmente relevante, xa que asumen un papel principal na diferenciación e achega de vantaxes competitivas ao demostrador final.

(Fonte: Agencias)