Despois de ser recibidos polo director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, representantes de institucións e entidades colaboradoras acompañaron aos futuros empresarios nunha visita polos dous niños e a sala de coworking de Tecnópole que empregarán durante o próximo ano a custo cero para “envolver os estudantes nun ámbito que lles permita dar forma á súa idea e saír adiante”, como destacou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. “Con esta iniciativa tratamos de transmitir ao noso alumnado que existen moitas saídas profesionais, incluída a do emprendemento, que segue sendo a gran materia pendente das universidades españolas”, asegurou o reitor, quen recordou que foron moitos os que cando botou a andar esta iniciativa en 2010 a riscaron de “imposible”.
Xunto a estes locais, os gañadores recibirán un teléfono fixo e móbil, un dispositivo de web-TV a cargo de Blusens, un bono formación de 1000 euros para cada un dos integrantes dos proxectos por cortesía de Abanca e a asistencia gratuíta a cursos e sesións organizados polas entidades patrocinadoras, ademais do seu asesoramento e experiencia “para que nun mundo apocalíptico, no que todo o mundo di que non cando queres montar algo, haxa xente con iniciativa e ilusión”, como asegurou Lois Babarro, presidente de AJE Ourense. Xunto con el tamén estiveron presentes na recepción representantes da Cámara de Comercio, da Confederación de Empresarios e de Expourense.
Dos 44 proxectos que concorreron a este premio nos tres campus, sete tiñan como prioridade Ourense, unha cifra “que nunca antes se conseguira no campus, onde se tivo que declarar algunha convocatoria deserta”, como explicou Virxilio Rodríguez. O vicerrector quixo felicitar os gañadores, que están a traballar “dende o mesmo momento de recibir o premio” cun entusiasmo que dá sentido a estes galardóns. “Auguramos un grande éxito e que de aquí sairán empresas de futuro para esta cidade e para este país”, subliñou.
Agricultura intelixente e de precisión
Javier Pesado e Sergio Eiriz son os promotores de iBeeAgro, un sistema de monitorización e control que fará que a agricultura sexa “eficiente e sustentable” nun momento no que a maioría das explotacións non dispoñen de información dos seus cultivos e as decisións se toman de forma “correctiva”, elevando os custos de produción. “Para reducir gastos e aumentar calidade e cantidade é preciso recoller datos aplicando modelos que valoren o risco de enfermidades, o momento idóneo para o rego… o que permite levar a cabo accións preventivas que melloran a eficiencia e sustentabilidade das explotacións”, destaca Eiriz. Por iso crearon un sistema que, a través de redes sen fíos de sensores, captura datos e compútaos na nube para poder xestionar cultivos de calquera tamaño.
Accesible mediante unha plataforma web na que se pode entrar a través de calquera dispositivo con conexión a internet, iBeeAgro permite dende consultar o estado dos cultivos ata configurar alarmas, engadir un caderno de explotación e xerar e compartir en rede modelos preditivos. Todo para “facer realidade unha agricultura intelixente e de precisión”, puntualizou pesado.
Desenvolvemento de xogos e aplicacións móbiles
Outro dos niños da incubadora de Tecnópole está xa ocupado por José Antonio Tesoro, Xabier Losada e Javier López Camba, artífices de MeigaLabs, un estudo de desenvolvemento de xogos e aplicacións para dispositivos móbiles que xa ten o seu primeiro produto no mercado, Team Pirates, no que o xogador é un pirata que ten que loitar contra os soldados do rei nun ámbito en 3D e “totalmente destrutible, no que todo o que hai pode destruírse”. A idea destes emprendedores é aproveitar o aumento do uso destes dispositivos por parte do público, que cada vez máis os emprega non soamente para traballo, senón tamén para o seu tempo de ocio. O seu primeiro programa xa está dispoñible gratis para calquera dispositivo Android na PlayStore.
Tecnoloxía e deporte na sala de coworking
Os responsables de dous dos proxectos gañadores dos premios Incuvi Emprende elixiron como zona de traballo a sala coworking de Tecnópole. Alí asentaranse, por un lado, Jairo Carrera, Nicolás Álvarez, Daniel Rodríguez e Iván Estévez, alma mater de Traster, unha plataforma dirixida a poñer en contacto persoas que necesitan reparar ou revisar un ordenador ou solucións tecnolóxicas específicas con profesionais cualificados. A idea xurdiu da “necesidade que observamos de atopar xente que resolva problemas concretos, xa que o ámbito tecnolóxico é moi amplo e está en constante actualización, polo que é moi difícil que alguén saiba de todo”. Por iso crearon esta microconsultoría baixo demanda que, a través dunha aplicación na que están rexistrados consultores de distintas áreas e mediante un proceso “rápido, sinxelo e seguro,” calquera pode consultar un problema e que un experto llo solucione. O pagamento, a través da aplicación e coa posibilidade de valorar o técnico cun sistema similar ao de eBay. “O noso obxectivo é conectar a xente que ten problemas coa que pode resolvelos”, asegurou Carrera.
Pola súa parte, Carlos Gómez e Alejandro Rodríguez porán en marcha unha consultoría deportiva para “facer fronte ás necesidades dos distintos entes públicos e privados de dar resposta e solución” nun sector en continua transformación e que ofrece grandes oportunidades de crecemento económico e social. “Levaremos a cabo novos proxectos ou modificaremos aqueles xa existentes cun valor engadido sen o cal se perdería moito tempo e diñeiro buscando solucións”, explicou Gómez dunha iniciativa baseada no “bo facer e na paixón polo deporte” combinando o factor humano, a investigación nacida no seo da Universidade de Vigo e a innovación coa profesionalidade e a claridade.
(Fonte: DUVI)