En España as matemáticas son directamente responsables de máis dun millón de empregos -o 6% do total-. Ademais, destaca que as profesións ‘intensivas’ nesta materia, como especialistas en bases de datos, finanzas ou deseñadores de software, serán as que máis crecerán nos próximos anos
O novo axente acelerador do crecemento económico son as matemáticas: a ciencia máis abstracta non só ocupa o epicentro da revolución dixital, senón que é o poder invisible que aumenta a produtividade en todos os sectores. Así o indica un informe realizado por Analistas Financeiros Internacionais (Afi) por encarga da Rede Estratéxica en Matemáticas (REM), que se presentou en Madrid.
Este documento revela que o impacto directo das matemáticas no emprego alcanza o millón de ocupados, o que representou arredor do 6% do emprego total da economía española en 2016.
Esta cifra, e o coñecemento da produtividade por hora en cada un dos 63 sectores económicos contemplados na Enquisa de Poboación Activa (EPA), permite coñecer o PIB xerado polas actividades con intensidade matemática: o 10,1% do PIB español total en 2016.
Pero as actividades intensivas nesta materia exercen ademais impactos indirectos, por exemplo, sobre a cadea de valor no seu sector; e inducidos -o uso das rendas derivadas. Se se contabilizan estes impactos, as matemáticas están detrás, en maior ou menor medida, do 19,4% do total dos ocupados en 2016, e xeran o 26,9% do PIB total, segundo o estudo.
Ademais, o informe mostra que as matemáticas afectan a todos os sectores, nas distintas fases do proceso produtivo: dende o deseño, modelae, simulación e prototipado de produtos, á optimización de procesos produtivos e de organización e a análise de datos. Por áreas, non obstante, as máis relacionadas son a informática, as actividades financeiras, os servizos de telecomunicacións e a rama de enerxía eléctrica e gas.
“As matemáticas son un ben estratéxico que acelera o crecemento económico”, sinala o informe, a cuxa presentación asistiu a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e unha ampla representación da empresa e da comunidade de investigación matemática.
Perda de competitividade
Non obstante, o estudo tamén alerta de que o tecido empresarial español se nutre de menos matemáticas que o dos países da contorna, e que, “se isto non cambia, a economía española perderá competitividade”.
Neste ámbito, España vai por detrás do Reino Unido, Francia e Holanda. Se no noso país as matemáticas son responsables directas do 6% do emprego total, nestes países a cifra oscila entre o 10% e o 11%.
Esta distancia “non sorprende en absoluto” aos autores do informe, que a atribúen á “diferente composición da estrutura produtiva da economía española” e á súa “menor competitividade”.
En concreto -agrega o documento- “España destaca por estar moi demorada en profesións intensivas nesta materia, como especialistas en bases de datos e redes informáticas, finanzas, profesionais das tecnoloxías da información ou deseñadores de software e multimedia”.
Segundo Eurostat, no noso país arredor do 30% das ocupacións son intensivas en matemáticas, mentres que a media da Unión Europea-15 está no 40%.
Nunca antes se cuantificou o peso das matemáticas na economía española. Pero os promotores do estudo considérano indispensable, tanto para a industria como para os decisores públicos.
Un recurso estratéxico
“As matemáticas vense como algo no que investigamos uns cantos académicos afastados da realidade cotiá, pero o certo é que son cada vez máis un recurso nacional estratéxico”, afirma Tomás Chacón, da Universidade de Sevilla e coordinador da REM, unha rede que integra a toda a comunidade matemática española e busca promover a transferencia de resultados matemáticos ao tecido empresarial.
“Aplicar as matemáticas a todos os sectores económicos é o que está a dar vantaxe aos países nos mercados, e agora, por primeira vez, temos os números que o demostran”, indica Chacón.
O informe conclúe con recomendacións de política pública dirixidas ao ámbito da educación, aos propios matemáticos e aos xestores: máis presenza das matemáticas nos programas educativos; máis comprensión por parte dos matemáticos da aplicabilidade dos seus coñecementos; aproximar os centros de investigación matemática ao tecido empresarial; impulsar o gasto en I+D+i nas ciencias matemáticas; incrementar os incentivos ás matemáticas aplicadas; e visibilizar no ámbito empresarial as vantaxes que reporta a incorporación de matemáticos.
(Fonte: SINC)