As ideas innovadoras de Coruña Smart City atraen expertos americanos e turcos

Coruña Smart City, o primeiro proxecto en España de xestión integral e transversal dunha cidade a través da tecnoloxía, estase a consolidar como un referente e foco de atención no ámbito internacional. A entrada en operación da plataforma urbana -o “cerebro” da cidade- motivou que en apenas unha semana senllas delegacións da cidade estadounidense de Atlanta e da municipalidade turca de Adana visitaran a cidade galega para coñecer “in situ” os primeiros servizos e aplicacións intelixentes que puxeron a disposición dos cidadáns.

A visita da comitiva turca, encabezada polo alcalde da cidade, Hüseyin Sözlü, e o director xeral da empresa municipal de distribución de augas, Rahmi Pekar, coincidiu coa presentación do piloto de calidade da auga, que xa está en funcionamento, e súmase aos outros catro que ata o momento se integraron na plataforma: eventos multicanles, sistema de visitas guiadas, administración electrónica e rego intelixente.

Os novos servizos están accesibles a través do portal Coruña Smart City, smart.coruna.es, onde ademais se mostra ao cidadán información útil, dinámica e en tempo real sobre as gasolineiras máis próximas e o prezo dos combustibles, as estacións de Bicicoruña, ou o estado do tráfico e as obras da cidade, entre outros. Tamén puideron coñecer o portal Open Data, que inclúe información de libre acceso e uso co obxectivo de que os emprendedores poidan facer uso destes datos para o desenvolvemento de novas aplicacións e servizos innovadores.

Por outro lado, a delegación de Atlanta estivo integrada polo vicepresidente da Cámara de Comercio Metropolitana de Atlanta (MACOC), Jorge Fernández, e altos directivos da compañía de telecomunicacións AT&T Mobility (American Telephone and Telegraph), unha das máis potentes do sector no ámbito mundial.

Atlanta é a capital máis extensa e poboada do estado de Georgia e a trixésimo terceira de Estados Unidos. Ten grande interese en implantar un modelo integrado de estratexia, xestión e tecnoloxía, impulsado por grandes corporacións presentes na cidade (é sede mundial de compañías como Coca-Cola, AT&T Mobility e Delta Air Lines) e incorporando ás comunidades urbanas neste proceso, a través da colaboración público-privada. Adana, pola súa banda, é unha das maiores e máis dinámicas cidades de Turquía e ten un interese estratéxico no desenvolvemento dunha municipalidade orientada aos seus cidadáns, transparente e eficiente no uso dos recursos.

Exportación de solucións

Por outro lado, a presenza de Coruña Smart City na pasada edición da feira internacional Smart City Expo World Congress de Barcelona permitiu ás empresas que traballan no proxecto celebrar numerosas reunións para exportar os produtos a outras cidades. Tamén favoreceu o establecemento de contactos con urbes como Estambul, Copenhage, Ámsterdam ou Eilat (Israel) de cara a intercambiar experiencias e desenvolver proxectos conxuntos co fin de captar fondos europeos. Destaca tamén como exemplo de colaboración o protocolo asinado entre os alcaldes de Oporto e A Coruña para pechar propostas nos ámbitos da rexeneración urbana e smart cities cos que optar a tres convocatorias europeas de 2015.

Recoñecementos internacionais

Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos, como ser elixido, por segundo ano consecutivo, finalista nos premios das propostas máis innovadoras que se entregan durante o Smart City Expo World Congress. Na última edición, A Coruña chegou á final de mellor proxecto de cidade intelixente, competindo entre máis de trescentas candidatas como Tel Aviv, Porto Alegre ou Mumbai.

Tamén obtivo a Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea, que distingue o proceso de compra da plataforma tecnolóxica. Así mesmo, foi recoñecida Mellor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñería.

Un gran “cerebro integrador”

A plataforma de Coruña Smart City está baseada en SOFIA2, a solución Internet of Things (IoT) de Indra con capacidades big data e cloud que permite integrar e compartir de forma sinxela información de distintos sistemas, dispositivos móbiles ou redes sociais. Trátase dun gran centro de xestión ou “cerebro integrador” que facilita a comunicación entre os distintos servizos e solucións que conforman o ecosistema da cidade (mobilidade, auga, enerxía, medio ambiente, ocio e turismo, etc.) para ofrecer unha visión completa da actividade. Inclúe ademais ferramentas de análise para prever cales son os comportamentos da cidade con relación ao uso dos servizos para adaptalos mellor e de forma proactiva ás necesidades reais.

O proxecto de Coruña Smart City naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, utilizando as novas tecnoloxías para responder dende a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos. O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu coa súa novidosa proposta un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros.

(Fonte: Agencias)