Tras o freo que imprimiu a pandemia a inicios de 2020 no comercio mundial pola interrupción das cadeas de subministracións, nos cinco primeiros meses deste ano as empresas galegas exportaron mercadorías por valor de 9.469,9 millóns de euros, unha cifra que, ademais de marcar un récord, reflicte un incremento do 41,4% en termos interanuais, un avance sen parangón no conxunto de España, onde as vendas creceron un 23,5%.
Con este rexistro, a comunidade copou o 7,6% do comercio exterior, un cociente que supera a contribución galega ao PIB estatal, do 4,7%. As empresas locais tamén importaron máis, en concreto, un 26,9%, ao adquirir bens por valor de 7875 millóns en cinco meses.
Do cruzamento coas exportacións resulta un superávit comercial de 1.594,8 millóns. En cambio, o conxunto do Estado segue a ser deficitario, pois mentres se exportaron mercadorías e servizos por 125.351 millóns até maio, de fóra chegaron bens por 129.770,9 millóns.
Que actividades foron os catalizadores das exportacións galegas? A automoción. Pese ao impacto da crise dos chips, o motor executou vendas ao exterior por valor de 3224 millóns, un 85% máis que un ano antes, cando o confinamento tombou a actividade. Con Stellantis como buque insignia, o sector concentrou o 34% do negocio. Avantaxou por moito ao outro motor das exportacións galegas: o téxtil que, con Inditex á cabeza, elevou un 26,6% as súas transaccións, pasando os 1.572,2 millóns, o que supón o 16,6% das vendas totais, por diante da demanda de carne e peixe, que despuntou un 15,8%, até os 758 millóns.
Con Europa como destino do 79,7% das mercadorías galegas, Francia (22,2%) e Portugal (12%) son os principais clientes.
Fonte: El Progreso