As enxeñeiras “gañan peso” na UVigo: xa son 1 de cada 3

Os graos de enxeñaría da UVigo presentaron no curso 21-22 -o último con datos consolidados- un 31,51% de alumnas, dato que contrasta co 26,9% que o IGE apunta para todas as universidades galegas no mesmo curso. É máis, mentres as cifras desta última estatística baixan desde o 31,1% de principios da década pasada, a proporción de mulleres nas enxeñarías da universidade viguesa non deixou de medrar, invertindo a tendencia a nivel autonómico.

As carreiras desta rama do coñecemento que máis contribuíron a iso son Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Química Industrial, cuxo alumnado feminino é ano a ano, polo menos, o 50%. No curso actual uníuselles, de forma case inesperada -viña anotando proporcións do 26% de mulleres entre os seus alumnos-, o grao de Enxeñaría Aeroespacial cun 45% de alumnas nas súas clases.

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, cualifica de “éxito rotundo” as políticas levadas a cabo nos últimos anos visibilizando o traballo de mulleres no ámbito da enxeñaría. “Foi clave a feira Experimenta en Feminino, que facemos cada ano en Ourense para divulgar nos centros de Secundaria da provincia os graos STEM que se ofertan. Alí facemos moita énfase na visibilización de mulleres que foron opacadas e que desenvolveron tecnoloxías neste campo”.

Outra das titulacións na que Gómez pon o foco é o Grao en Intelixencia Artificial, que no seu primeiro ano, e a pesar de ser tematicamente similar a Enxeñaría Informática (14% de mulleres en 2022), duplicou a proporción de alumnado feminino desta.

Fonte: Atlántico Diario