Os investigadores mozos galegos arrasaron no concurso de proxectos da Galiciencia, a feira da ciencia organizada pola Tecnópole, con dous proxectos baseados nas enerxías limpas. Os alumnos do Colexio Guillelme Brown de Pereiro de Aguiar (Ourense) e do Colexio Alborada (Vigo) fixéronse co primeiro e segundo premio, respectivamente, como resultado da votación realizada polos visitantes da exposición ao longo dos tres últimos días.
O proxecto gañador consiste nun bioedificio, capaz de autoabastecerse a través das enerxías renovables. Os seus responsables, Juan Sebastián Pirola e Rodrigo Barreiro, aseguran que o seu sistema podería funcionar nun edificio de cinco prantas con dez vivendas. Contempla a recollida de augas pluviais para reutilización doméstica, pracas solares para un abastecemento completo de enerxía eléctrica e unha zona verde no patio de luces que capta luz a través dunha claraboia no teito e que se aboa cos residuos orgánicos producidos nas vivendas. “O máis complicado foi o cálculo do consumo enerxético e a depuración da auga de chuvia”, aseguran os dous alumnos do Colexio Guillelme Brown.
O segundo galardón foi para un sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor. “Colocamos unha dinamo na polea que move as cordas do ascensor e así é como obtemos a electricidade”, comentan Laura Rodríguez e Antía Domínguez, as alumnas de 4º da ESO do Colexio Alborada gañadoras do galardón. De cara á Semana da Ciencia que organiza o seu centro cada primavera, planean adaptar o sistema a escaleiras mecánicas e mesmo a bicicletas estáticas.
Os premios foron entregados esta mañá no acto de clausura da Galiciencia, patrocinada pola Consellaría de Innovación e Industria. Durante as tres xornadas que durou o evento superáronse as 2.700 visitas, 2.150 de escolares de toda Galicia que se achegaron ao Auditorio de Ourense en grupos organizados e máis de 600 visitantes que acudiron por libre.
Os cen estudantes de Secundaria que participaron como expositores na Galiciencia defenderon un total 34 proxectos orientados a propoñer solucións para necesidades moi presentes na vida cotiá, cunha representación xeográfica que combinou 18 iniciativas galegas con 16 chegadas de Barcelona.
Actividades paralelas
En paralelo á ‘Galiciencia’, o gurú da divulgación científica Adolf Cortel transmitiulles a maxia da ciencia a un total de 2.150 alumnos, que asistiron ás súas charlas experimentais e interactivas en grupos.
Ademais, o Auditorio de Ourense converteuse estes días tamén nun laboratorio no que os visitantes puideron experimentar coa forzas e enerxías que nos resultan invisibles pero que nos afectan.
Ao longo dos últimos tres días proxectouse un ciclo de tres documentais e 10 capítulos do programa de TVE "Tres 14", que lles permitiu a rapaces e maiores achegarse dunha maneira amena a temas como a xestión dos recursos naturais, a clonación, ou a arquitectura.
Galiciencia na rúa ata o domingo
Como novidade, este ano estase a celebrar a ‘Galiciencia na rúa’, que consiste no desenvolvemento de obradoiros/exposicións nas Galerías Comerciais Sol, Galerías Centrais e Xardíns Bispo Cesáreo da cidade de Ourense. Estas actividades, dirixidas a rapaces pero tamén a adultos e que se prolongarán ata o domingo, son un proxecto conxunto do CIS Madeira; o Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria; o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e a Asociación Animacción, e contan co patrocinio de Caixanova.
En cada emprazamento articúlase un espazo sobre unha temática diferente (segundo as áreas de traballo das entidades implicadas) no que os participantes poden coñecer algo máis dos seus ámbitos de traballo a través de paneis expositivos e obradoiros dirixidos por monitores. Os espazos son ‘Ciencia de madeira’, ‘Medindo o mundo’, centrado na medición de propiedades físicas, químicas e biolóxicas; e ‘Camiñando polo Universo’, que contará con espectaculares fotografías para aprender un pouco máis sobre a astronomía e cosmoloxía.
(Fotografías dispoñibles na galería de imaxes de Tecnópole en Flickr)