As empresas poderán propoñer en Tecnópole retos de supercomputación aplicada á industria no marco do proxecto europeo Fortissimo

As empresas galegas terán ocasión de expoñer retos de supercomputación aplicada á industria no marco do proxecto europeo Fortissimo. O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), socio do proxecto, enviará a Tecnópole o próximo 29 de novembro a varios expertos para explicar o proxecto e recoller as propostas formuladas polas pemes tanto do Parque Tecnolóxico de Galicia como doutros puntos.

n
n

nO proxecto Fortissimo iniciouse o pasado verán e conta con 22 millóns de euros de orzamento para mellorar a competitividade das pemes a través do uso de servizos de simulación computacional. Entre os 44 socios participantes atópanse dous centros tecnolóxicos galegos: o Cesga, que presta servizos deste tipo en Galicia a través do seu supercomputador Finisterrae, e Aimen, que desenvolve proxectos relacionados coa fábrica do futuro. O partenariado galego complétao a empresa de servizos á industria Texas Controls.
n
nA importancia da simulación avanzada para a competitividade das empresas é unha realidade xa recoñecida. Aínda así, a simulación de, por exemplo, cilindros de gas a altas presións ou o proceso de fabricación de pezas de plástico utilizando moldes, require dunha capacidade de computación enorme e de ferramentas de software especializado e de servizos expertos. Xeralmente, as grandes empresas dispoñen de fácil acceso a estas ferramentas, pero as pemes adoitan experimentar dificultades operativas e financeiras para aproveitar as vantaxes da simulación avanzada, o que lastra a súa competitividade.
n
nO obxectivo de Fortissimo é desbloquear esta situación para as pemes a través da provisión de servizos de simulación e das ferramentas que corren nunha infraestrutura Cloud. Isto fará que todos os recursos necesarios, como son o hardware, o coñecemento experto, as aplicacións informáticas e as ferramentas de visualización estean facilmente dispoñibles e resulten alcanzables baixo un sistema de pago por uso.
n
nMáis experimentos
n
nEn Fortissimo levan o temón os requirimentos das empresas usuarias, que se canalizarán a través de 50 experimentos baseados en retos reais. Ao redor de 20 xa foron definidos en áreas como a fundición, o control ambiental, a planificación urbana e a optimización e deseño aerodinámicos.
n
nA seguinte convocatoria para recoller novas propostas de experimentos por parte de empresas ábrese neste mes de novembro, polo que as pemes galegas que acudan á xornada de Tecnópole terán ocasión de expoñer as súas tras asistir á explicación do proxecto e reunirse se o desexan cos expertos do Cesga, socio do proxecto responsable de coordinar a preparación de propostas de experimentos por parte de pemes en España e Portugal.
n
nA inscrición á xornada é gratuíta e pode formalizarse aquí.

n

 

n