As empresas medianas representan o 25% do investimento de I+D en España

As empresas medianas achegaron a cuarta parte do investimento total do tecido empresarial do país ao sector de I+D, segundo os datos do Informe Sage sobre o Impacto Económico Europeo 2015. Dos 6900 millóns investidos, o 24% veu de compañías do mercado medio, o que supuxo un total de 1700 millóns de gasto en 2013.

As compañías deste mercado apostaron de forma prioritaria polos avances tecnolóxicos e o desenvolvemento, de modo que en 2012 o 56% das empresas medianas realizaban actividades innovadoras, fronte ao 34% do conxunto da economía.

O Informe Sage reflectiu que aínda que o número de empresas deste tamaño en España caeu un terzo dende 2008, “espera que se cren 75.000 novos empregos nos próximos anos, o que suporá 1,5 millóns de postos de traballo neste sector no ano 2019”.

Neste sentido, malia o “pouco recoñecemento” que obteñen estas empresas en España, a actividade innovadora do mercado medio supón un eixe vital para o crecemento económico, segundo puxo de manifesto o informe. Os datos reflicten que o 20% das exportacións de bens españois proceden deste mercado, que achegou unhas ganancias de máis de 47.000 millóns de euros á economía en 2012.

En comparación coa Unión Europea (UE), a actividade innovadora da economía española continúa demorada. Dos países que forman parte do Informe de Impacto Económico, España sitúase no posto número 11 en cotas de innovación, só por diante de Polonia.

En total, as medianas empresas europeas contribuíron ao crecemento económico con máis de 1 billón de euros en 2014. Así, o informe destacou que “representan o 1% do tecido empresarial en Europa e non obstante, contribúen co 20% do total da facturación”.

(Fonte: El Economista)