Cunha dotación de 75.000 millóns de euros para o período 2014-2020, o programa Horizonte 2020 é o principal instrumento de financiamento de actividades de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación da Unión Europea (UE).
“En España o programa está a ser un éxito en participación e o liderado en proxectos estano a levar a cabo as empresas por diante de universidades e centros de investigación”, destacou Carmen Vela, secretaria de Estado de I+D+i en funcións, durante a presentación dos datos provisionais do programa na sede do Ministerio de Economía e Competitividade, en Madrid.
As empresas son as que gañaron maior terreo no programa e encabezan a repartición do retorno español, co 38,6% do financiamento obtido. O resto da subvención española repártese entre universidades (19,7%), organismos públicos de investigación (12,7%), asociacións de investigación (10,6%), centros tecnolóxicos (9,8%), administracións públicas (5,6%) e asociacións (3%).
En total, segundo estes datos, as entidades españolas obtiveron no programa unha subvención de 1100 millóns de euros de 168 convocatorias, o que se traducirá nun investimento de preto de 1300 millóns de euros para desenvolver actividades de I+D+i en España.
Por subvención captada, España ocupa provisionalmente a cuarta posición no ranking de países cun retorno do 9,7% na UE28, detrás de Alemaña, Reino Unido e Francia. Estes resultados “superan tanto os alcanzados no conxunto do VII Programa Marco da (8,3%), como os ambiciosos obxectivos marcados para o conxunto de H2020”, explicou Vela.
As entidades españolas participaron nun total de 13.127 propostas, polo que estiveron presentes no 26,5% das solicitudes enviadas ás distintas convocatorias de H2020 contabilizadas ata o momento.
O programa é moi competitivo e a taxa de éxitos estímase co número de propostas financiadas fronte ás presentadas, que no caso español se atopa no 12,6%, lixeiramente superior ao 12,2% da media xeral do programa.
Ata o momento, foron 1307 as entidades españolas que conseguiron a subvención de H2020, das que 843 foron empresas, que conxuntamente con socios doutros países, desenvolverán 1657 actividades de I+D+i grazas ao financiamento da UE.
Segundo país que máis proxectos lidera
Das máis de 6000 actividades que foron financiadas pola Comisión Europea nestes dous primeiros anos, 758 coordínanse dende España. “Isto supón que o noso país segue escalando postos no liderado de proxectos, que se sitúa actualmente no 14,2%, fronte ao 10,7% do VII Programa Marco e nos coloca como segundo país que máis proxectos lidera detrás de Reino Unido”, indicou Vela.
A secretaria de Estado destacou tamén os bos resultados das pemes españolas en Horizonte 2020. Neste sector, España é líder en Europa cunha participación de máis de 200 pequenas e medianas empresas que supoñen un retorno do 15,5%.
Vela sinalou que parte deste éxito se debe ao lanzamento dun programa de financiamento nacional complementario ao Instrumento Peme de Horizonte 2020, chamado Horizonte Peme, que está a ser agora imitado por outros países europeos.
Por áreas temáticas, os mellores resultados españois en H2020 obtivéronse en nanotecnoloxía, materiais avanzados, biotecnoloxía, fabricación, transformación avanzada, enerxía e tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
Das 20 institucións que máis financiamento recibiron, sitúase en primeiro lugar o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), seguido da Fundación Tecnalia Research and Innovation, Industria de Turbo Propulsores e Atos Spain. Tamén destacan a Universidade Politécnica de Madrid, a Universidade Politécnica de Cataluña, o Barcelona Supercomputing Center, a Universidade Politécnica de Valencia e o Centro de Regulación Xenómica de Barcelona.
(Fonte: SINC)