As mulleres importan. Así o defende a consultora Accenture. Con motivo do 8-M, a consultora elaborou o informe que anualmente realiza co fin de demostralo. E esta vez puxo o foco na innovación para concluír que as empresas máis igualitarias son tamén as máis creativas. Segundo o seu estudo “Getting to equal 2019“, a cultura corporativa paritaria é o maior impulsor da innovación dentro das organizacións, máis potente que os factores xeográficos, demográficos, o tamaño ou o sector en que opera a empresa.
Ademais, cuantificou a riqueza que está en xogo. A consultora asegura que o PIB mundial podería aumentar ata oito billóns de dólares se a mentalidade innovadora nas compañías crecese un 10% en dez anos. “Isto fai que a consecución dunha cultura igualitaria sexa non só en imperativo ético, senón unha prioridade de negocio. As compañías que non están continuamente creando novos produtos, servizos, contidos e procesos non poden triunfar na era da disrupción”, sostén.
Ese tipo de cultura corporativa que en 2018 definiu baseándose en 40 indicadores é a que permite que todos os empregados poidan progresar. Das máis de 18.000 enquisas a traballadores de 27 países e entrevistas a altos directivos de oito deles, despréndese que o 95% dos executivos considera que a innovación é vital para a competitividade das súas organizacións e a viabilidade do negocio. O 76% deles cre así mesmo que motiva os seus empregados para fomentar a sua creatividade.
Ámbito laboral estimulante
No caso de España, as empresas que impulsan a igualdade e a diversidade multiplican case por sete esa mentalidade creativa dos seus empregados respecto ás que non o fan. O máis importante para que iso suceda é propiciar un ámbito laboral estimulante para os traballadores, que se consegue sobre todo outorgándolles liberdade de actuación, é dicir, autonomía, e facilidades para conciliar vida profesional e familiar. Este capítulo pesa un 60% nas organizacións con cultura de innovación desenvolvida. Así é como os equipos das organizacións paritarias atopan menos barreiras para innovar (algo que desexan facer o 94% dos seus membros) e teñen menos medo ao fracaso, co que son case dúas veces máis disruptivas que a media.
Aínda que, segundo os traballadores, os directivos fomentan a creatividade no lugar de traballo menos do que cren, de feito, dan máis importancia ás recompensas económicas á eficiencia da que teñen para os empregados e menosprezan o propósito da innovación, que é vital para eles; nas compañías paritarias españolas a probabilidade de que os empregados sintan que nada lles frea para innovar é 12 veces superior que nas menos igualitarias.
E ese empoderamento do traballador está relacionado con que a organización ofrece formación, dá liberdade para arriscar, é flexible, os seus líderes dan exemplo en conciliación laboral, pódese traballar en remoto e os supervisores non poñen problemas para iso. Ao contrario do que se cre normalmente, ten menos que ver coa formación dos traballadores, mesmo cando os empregados son titulados universitarios nas ramas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), iso pesa moito menos na mentalidade innovadora que o anteriormente sinalado.
A mentalidade innovadora baséase no propósito, a inspiración, as ferramentas para conseguilo, a autonomía, a colaboración e a experimentación. Algunhas das empresas que a fomentan en España como resultado da súa cultura igualitaria e diversa son Banco Santander, Inditex ou Mastercard, segundo María José Sanz, managing director e responsable do comité de igualdade e diversidade de Accenture en España, Portugal e Israel. Ao seu xuízo, “vivimos no momento da innovación, no que todas as empresas nos piden personalización e produtos e servizos novos, algo que só se consegue a través dela”.
Pero España, continúa, non é un dos países que máis importancia dá á creación e a súa vinculación coa igualdade, os nórdicos están máis aliñados con esta crenza, mentres que España se sitúa á altura de Xapón, Indonesia e Estados Unidos, “aínda queda percorrido”, di.
(Fonte: El País)