As empresas galegas, por riba da media estatal no uso de novas tecnoloxías

O número de empresas galegas con menos de 10 persoas empregadas que dispoñen de internet de banda larga de 100 ou máis Mbps creceu un 93,2% entre 2019 e 2020, segundo os datos do informe A Sociedade da Información das Empresas de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga). Prácticamente todas as empresas con 10 ou máis persoas traballadoras teñen contratado internet. No caso das empresas máis pequenas, un 78,6% dispoñen deste servizo, o que sitúa a Galicia lixeiramente por enriba da media estatal, que é dun 78,2%.

En canto o uso da banda larga de máis de 100 Mgps, o salto que se produciu entre 2019 e 2020 foi tamén moi significativo. Ademais do incremento do 93,2% nas microempresas, as compañías máis grandes con banda larga tamén aumentaron nun 41,2%, e pasaron do 45,1% ao 63,7%. Respecto ao uso das tecnoloxías disruptivas, o salto producido entre 2019 e 2020 permitiu a Galicia situarse por enriba da media española en utilización do BigData, do internet das cousas e da robótica. O 18,6% dese tipo de empresas en Galicia utilizaron dispositivos interconectados con internet das cousas, mentres que a media en España foi do 16,8%. No caso das microempresas, o uso desta tecnoloxía en Galicia situouse na media estatal do 4,6%.

A análise BigData foi empregada polo 12,4% delas, 3,9 puntos máis que a media estatal. Esas empresas ocupan o segundo lugar entre as comunidades autónomas españolas na interacción coas administracións a través de internet e superan á media nacional en case 4 puntos. Outro dato significativo é que as empresas con 10 ou máis persoas empregadas con páxina web medraron un 3,8% ata chegar ao 80,9%, co que superan por primeira vez a media estatal, que é do 78,1%.

Fonte: El Correo Gallego