Este índice, presentado no marco do Cumio Cultura da Innovación 2016, é resultado do segundo Estudo sobre Cultura da Innovación elaborado pola AEC en colaboración coa consultora Dícere.
O seu obxectivo é ofrecer datos cuantitativos sobre o estado da Cultura da Innovación nas diferentes organizacións e mellorar a competitividade e o desenvolvemento de novas estratexias empresariais.
Segundo o socio fundador de Dícere, Fran Chuán, os resultados do ICI España 2016 revelan unha melloría en factores relacionados co liderado, o desenvolvemento de proxectos, o clima e as condutas no ámbito laboral.
En total, 30 dos 54 elementos de actuación avaliados melloraron con respecto a 2015. No ámbito dos recursos e os procesos, algúns destes factores son a existencia de máis impulsores, a comunicación, o ecosistema para a innovación, o diñeiro ou a flexibilidade, entre moitos outros.
Ademais, no campo dos valores e as condutas no seo das empresas, os empregados perciben unha melloría relacionada coa tenacidade, o apoio, a influencia ou a aceptación recibida.
Non obstante, detectáronse tamén algúns puntos de mellora como a necesidade dunha maior dispoñibilidade de tempo e de espazos físicos e virtuais para innovar, un maior acceso a expertos e dispoñer de “diñeiro de peto” para o desenvolvemento de prototipos.
Empresas destacadas
A AEC quixo premiar durante o encontro os resultados sobresaíntes no ICI España 2016 de catro empresas españolas, ás que entregou senllos recoñecementos.
O Grupo CLH foi a compañía destacada na categoría de Grande Empresa. Do mesmo modo, Veiasa, a rede de estacións de ITV da Xunta de Andalucía, foi recoñecida na categoría de Empresa Pública. Pola súa parte, Famosa recibiu este recoñecemento na modalidade de Mediana Empresa, mentres que NEM Solutions o fixo na categoría de Pequena Empresa.
(Fonte: Innovamás)